A desafección continúa e a esquerda dáse un respiro
- Detalles
- Publicado o Domingo, 25 Marzo 2012 23:16
Xoán Hermida
Primeiras valoracións de urxencia sobre as eleccións andaluzas e asturianas:
Os resultados das eleccións seguen a confirmar unha desafección pola política de magnitude xigante. Os datos da abstención son máis que significativos 38% en Andalucía e un 44% en Asturias, nesta caso os abstencionistas superan a suma das tres forzas máis votadas.
No caso do voto branco+nulo tamén son datos significativos 1,5% en Andalucía, 2,3% en Asturias.
O resultado das eleccións andaluzas son un respiro para a esquerda e obviamente demostran que as andaluzas e os andaluces non queren aturar a esas malas bestas.
Non obstante, e a pesar dunha conxuntura moi mala, a dereita sigue a avanzar electoralmente co cal o peor que podía facer a esquerda é pensar que os problemas de redefinición no século XXI se superan a base de éxitos electorais en conxunturas favorables.
A esquerda segue tendo o mesmo problema pendente, de redefinición e renovación que xa dura varias décadas, que tiña hai vintecatro horas e o mesmo que terá despois de que gañe François Hollande en Francia.
Ademais ollo cos espellismos: os resultados de Andalucía amosan unha realidade política e social propia e diferenciada.
Lectura en clave galega para o NPC: a vitoria á dereita faise desde unha esquerda ampla nun, ou coma neste caso dous partidos, senón non se fai. Sen proxecto alternativo non hai posible hexemonía alternativa.
Sobre a esquerda verde. Equo levantou simpatías cando naceu pero debe rachar co seu modelo ‘leninista’ senón quere seguir un proceso de desintegración.
Fai falla forzas da esquerda verde pero estas non teñen porque seguir o modelo de ‘un partido, un estado’, por outra banda estamos nunha etapa que require de alianzas amplas das forzas progresistas. O espazo verde ten que ser plural no nacional e converxente con outras forzas no electoral.
Os resultados de ICV, Compromis, Esquerra Vers-PSM-Entesa, Chunta, Amaiur ou a propia IU Andaluza demostran que soamente a esquerda ten influencia social e electoral se ademais do eixo esquerda-dereita ten en conta o eixo nacional, ao que cabería engadir o novo eixo introducido polo 15-M: os de arriba-os de abaixo para ter así unha imaxe real e non unha caricatura.
Un dato 'anecdótico pero significativo: nas realidades nacionais ou periféricas con estrutura politica-social diferente ao centro, onde o discurso españoleiro máis ramplon ten dificultades de penetración UPyD non saca representación.
[+ 1]. Un comentario malévolo: Chacon vingase de Rubalcaba por medio de Griñan.
publicado en Galicia Confidencial (desafección continúa)