Pulso cívico ou pulsión populista
Xoán Hermida
Vivimos un episodio de cambio, aberto simbolicamente polo 15M. Un episodio de cambio que, aínda que ten a súa particularidade nacional, forma parte dunha crise global multifocal que no terreo político configúrase como unha crise democrática, na que, por exceso ou por defecto, están en cuestión as conquistas sociais e os dereitos civís de varias décadas, e máis aló os valores identificativos da modernidade e os mecanismos de representación.
Crise que en España tivo como acelerador o esgotamento do modelo xurdido da Transición, tras cubrir unha etapa necesaria e positiva, e na que Catalunya converteuse na fractura tectónica central que serve para medir o nivel de intensidade da mesma.
O valor da ética cívica, a honestidade política e a moralidade do pensamento
Xoán Hermida
Foi Antonio Gramsci o primeiro autor en pór en cuestión a lóxica clásica ‘primum vivere, deinde philosophare’. Obviamente, ao facelo non cuestionaba a importancia que tiña cubrir as necesidades materiais como punto de partida para abordar as demais, senón que se trataba dunha declaración de principios dun pensador, dificilmente encadrable, que non quería disociar as urxencias materiais das importancias espirituais; que interpretaba a filosofía como un elemento presente en todos os seres humanos; e no que o papel intelectual ten que ver coa mirada que cada individuo, en particular, e a sociedade, en xeral, constrúen da realidade.
Unha acción política na que ‘todos’ somos filósofos e na que a filosofía deixa de ser un espazo reservado para persoas con pensamento elevado, para destruír, así, ‘o prexuízo de que a filosofía é algo moi difícil polo feito de que é unha actividade propia dunha determinada categoría de científicos, dos filósofos profesionais ou sistemáticos’.
Por iso, o concepto da filosofía para Gramsci non é, por ser popular, unha vulgarización senón todo o contrario. A filosofía dos intelectuais, que deu lugar á historia da filosofía, “no plano individual pódese considerar como a ‘punta’ do progreso do sentido común, polo menos do sentido común dos estratos máis cultos da sociedade, e a través destes, tamén do sentido común popular.”
Non hai máis cego que o que non quere mirar
Xoán Hermida
Intento explicar aos neófitos que as enquisas preelectorais marcan tendencias que se fixan no momento electoral. É por iso que as campañas con ser importantes non son quen de modificar correntes de fondo que non se amosan nas enquisas en toda a súa dimensión porque non é o momento. O importante son as zonas de fricción, entre quen se dan e a quen favorecen. Por iso todas as sondaxes sabían, agás a do CIS, que as posibilidades implicaban e favorecían na maioría das mesmas (PP/Vox - PP/Cs -PP/PSOE - PSOE/UP) ao PP.
As veces volvese cansiño explicar que determinados tópicos - a participación favorece a esquerda, o voto mozo é progresista, existe unhas zonas urbanas periféricas vermellas,... - deixaron de funcionar na estrutura política actual.
Desde hai xa un tempo que os datos indican que o episodio de tránsito no que estamos instalados emprendeu dúas tendencias constantes de carácter estratéxico:
(a) un xiro sociolóxico cara a dereita como resposta defensiva a unha crise nacional e democrática de carácter existencial que a maioría electoral identifica co modelo de gobernabilidade da esquerda e que non acerta a resolver; e
(b) un regreso cara ao bipartidismo (máis rápido toda vez que o PSOE resolva a súa crise de identidade e se restitúe de novo como un partido que aspira a maiorías sociais).
Omicrón e terceira dose
Artigo publicado en Praza Pública
Para non ser retórico nin acabar na demagoxia habitual do debate público español dos últimos tempos vou iniciar este articulo con datos obxectivables: - os mecanismos de reprodución dos Virus, incluído o Covid19, teñen unhas pautas xerais comúns recoñecibles;
- a medida que se estende, os seus síntomas tende a ser máis leves pois bioloxicamente a súa tendencia é a sobrevivir e expandirse, non a desaparecer coa morte do receptor;
- o fundamental en toda pandemia é descubrir os seus mecanismos de contaxio para saber as pautas de protección a seguir;
- as vacinas son un elemento central para acabar coa pandemia en canto axudan a rebaixar a carga vírica, cortan as cadeas de transmisión e evitan casos graves e mortes.