Un 'sinsentido'
- Detalles
- Publicado o Domingo, 19 Agosto 2012 11:42
"Son gritos en el cielo, y en la tierra son actos" Gabriel Celaya
Xoán Hermida
Hai un ano o 15 M puxo enriba da mesa a desafección que unha boa parte da sociedade tiña pola política.
Daquela un grupo de persoas puxemos en marcha a Iniciativa BenComún entendendo que esa desafección interpelaba en primeiro lugar á esquerda e ao nacionalismo, aos seus militantes e dirixentes, pero tamén a súa base sociolóxica.
Coincidiamos xentes diversas en procedencias culturais ao pensar que conectabamos cun amplo sector social que demandaba:
- Maior radicalidade democrática cara adentro en forma de proxecto onde as persoas sexan as protagonistas e non os grupos (frontismos) nin os profesionais (partidos clásicos) e cara afora (apertura á sociedade en forma de primarias, limitación de mandatos, listas desbloqueadas, referendos,...)
- Renovación. Unha esquerda democrática renovada e cun proxecto de reforma crible e practicable para non volver a defraudar á sociedade
- Ampla unidade que abarcara socialmente aos sectores afectados polo control monopolista (95% da poboación) e politicamente polos sectores da esquerda e do progresismo non de esquerdas, todos cunha visión galeguista e partindo da propia autoorganización nacional cívica.
Neso estabamos, mesmo construíndo instrumentos políticos plurais para o futuro inexistentes ata o de agora, cando estourou a segunda forza da oposición galega (BNG) e entrou en crise estrutural a primeira (PSdG).
Prometiámonolas moi felices todos e todas, cando empezou un proceso delirante. A maioría que viña do BNG e que foran capaces de poñerse de acordo nun programa de renovación do mesmo, non eran agora capaces nin de xuntarse para falar.
Uns empezaron a botarse ao monte e outros ao río. Uns puxéronse a rehabilitar 'zoombies' políticos e outros a facer a viaxe imposible cara ao centro.
E namentres a maioría, situada na esquerda galega renovadora, dividida en dous polos e cunha parte, nada desprezable, aínda no BNG.
Necesitamos máis esquerda renovadora para saír do ‘Cul de Sac’
- Detalles
- Publicado o Domingo, 17 Xuño 2012 13:07
Xoán Hermida
Cando se viven tempos nos que hai que reivindicar o obvio, que difícil resulta introducir ademais modernas formas de pensamento, novas linguaxes e novos xeitos de facer política.
Pois ben, cando estabamos algúns na procura de novos horizontes para o século XXI, as ideoloxías do século XIX e as formas de actuar da primeira metade do século pasado entraron como un bulebule e ten toda a pinta de que non están dispostas a marchar de boa gaña.
Así que conviría volver a repasar algúns dos erros que nos levaron aquí e recordar algunha que outra obviedade para poder avanzar.
Primeira obviedade
Somos cidadáns e nos autoorganizados ou non en partidos, colectivos, grupos sociais, clubs de lectura ou no que nos pete. Unímonos con outros e outras pola proximidade de obxectivos e por que construímos unha misión conxunta.
É en base a iso, e non as metodoloxías, ao que construímos ou non espazos comúns.
Cando os espazos comúns son moi comúns nos organizamos de xeito individual interpares (caso dos partidos), cando o común é de carácter estratéxico, de obxectivos pero non de misión, o facemos buscando formulas unitarias pero plurais (caso de federación de partidos ou cooperativas políticas). Se os obxectivos e a misión non coinciden pero necesitas sumarte con outros para defender algo que esta sendo atacado, como neste caso o ben común ou Galicia, entón buscamos formulas conxunturais (coalición ou alianzas electorais).
O caso é buscar os instrumentos ao servizo da política e non poñer a política ao servizo dos instrumentos.
Nós, os arraianos
- Detalles
- Publicado o Martes, 29 Mai 2012 09:36
Xoán Hermida
Deixamos a política hai anos, non porque non nos interesara senón porque a política convertérase nun espectáculo indecente, cargado de demagoxia cando se estaba na oposición e de mera xestión aséptica cando se estaba no goberno.
A economía política pasara a ser unicamente economía ( “gato branco, gato negro; o importante é que cace ratos” ) e despois converteuse en política económica ao servizo dos oligopolios, coñecidos popularmente como ‘mercados’.
Decidimos refuxiarnos durante un exilio interior nos movementos sociais porque eran os únicos sitios onde se podía transformar o mundo propio como forma de preparación do que tiña que ser de novo a transformación colectiva.
Non estabamos cómodos en ningún sitio. Eramos nacionalistas para os españolistas e españolistas para os nacionalistas. Radicais para os reformistas e reformistas para os radicais. Liberais para os totalitarios e estatalizadores para os liberais. Neocomunistas mal vistos pola terceira vía e socialdemócratas para os marxistas[guion]leninistas.
Namentres os proxectos sociais avanzaban, paseniñamente co noso esforzo, a política partidaria degradábase a pasos acelerados.
Un 'novisimo' proxecto común
- Detalles
- Publicado o Mércores, 25 Abril 2012 18:42
"Somos os nosos piores inimigos" Martiño Noriega
Xoán Hermida
A análise da historia e dos acontecementos políticos pode facerse seguindo dous procedementos: o de centrar en persoas ou figuras o relato dos mesmos e polo tanto buscar as necesarias conspiracións ou, pola contra, centralo en causas obxetivizables (oportunidades políticas) , suxeitos colectivos (estruturas de mobilización) e procesos enmarcadores.
Eu como marxista, do empirismo dialéctico non do materialismo mecanicista dos seus seguidores, aposto máis polo segundo.
En primeiro lugar porque, ademais de máis rigoroso, creo que axuda mellor a resolver as contradicións e buscar a súa solución e en segundo lugar porque as teorías conspirativas son as respostas que os necios desde o conservadorismo político e desde a preguiza mental soen dar diante realidades novas e complexas que non entenden.
Unha vez que optamos por facer un análise empírico e racional dos acontecementos deberemos acertar nos corolarios do problema para que a solución sexa a máis acertada posible.
Onde poñer os corolarios do problema na situación que vive a esquerda e o nacionalismo galego?
Algúns póñeno na deriva que o BNG tomou nos últimos anos, e non sendo de todo falso que a deriva da última década precipitou o desenlace, creo que os corolarios deberiamos buscalos máis atrás, seguramente na década dos setenta cando empezou a cambiar o modelo produtivo e social e a esquerda non foi quen de actualizar a súa política e a súa estrutura organizativa e mental diante das novas realidades. Nese senso o BNG foi sen dubida un intento creativo no noso contexto xeográfico pero obrigatoriamente limitado pola dimensión e a envergadura da crise á que nos enfrontabamos.