A intervención de xoán Hermida na Rolda de Rebeldía

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

E REALMENTE NECESARIO UN PARTIDO MÁIS OU UNHA NOVA ESTRATEXIA DE CAMBIO?

Tocounos vivir nun tempo de transición deses nos que o novo non termina de nacer e o vello non acaba de morrer. Creo que esta sensación invade a toda a esquerda e ten reflexo mesmo na loxística deste encontro, nas achegas que se foron coñecendo e con toda seguridade tamén nos debates que aquí afloren.

A coincidencia da RdR co aniversario do nacemento de Castelao non deixa de ter unha carga simbólica necesaria, aínda que a hora de buscar referentes clásicos estou convencido de que a re-lectura critica de dous libros coma o “Estado e a Revolución” e “O esquerdismo a enfermidade infantil do comunismo” axudaría moito en tempos de dubidas e de zozobra política coma a que nos ten tocado vivir.

Fai agora algo máis de un ano celebrábase o 1º Foro Social Galego. Tres foron as sensacións que se puideron palpar naquel encontro:

- a madurez dun movemento asociativo, que a pesar das súas eivas, empezaba a plantexar a súa perspectiva política ao marxe dos partidos;
- o distanciamento cada vez maior entre a sociedade civil organizada e as forzas políticas;
- e a forte frustración co primeiro goberno progresista instalado en San Caetano

Con este malestar de fondo na propia base sociolóxica do bipartito non era de estrañar que catro meses despois as eleccións levaranse por diante o goberno formado pola socialdemocracia española e o nacionalismo reformista nun pais tan bipolarizado coma o noso.

Entón porque estamos aquí?. Porque necesitamos recuperar a esperanza na política. Porque queremos reinventar a esquerda. Por ambas cousas á vez...

...ou, desde o meu punto de vista, o máis importante: como volver a artellar a esquerda política en Galicia e á vez reinventar a folla de ruta para a transformación do país.

Antes de nada gustaríame aclarar varias cuestións previas:

1º. Eu son dos que non sinto frustración pola acción do goberno do bipartito porque pouco esperaba del ( aínda que algo máis si! ).

2º. Tampouco me sinto traizoado por ninguén porque teño unha visión complexa dos procesos sociais e prefiro analizalos seguindo o método de análise da “filosofía da praxe”, que profeso, en lugar de facer unha caricatura na que situar a bos e malos.

3º. Creo que esquerda social debe adquirir dimensión política sen sentirse orfa nin preocuparse mais do necesario na construcción dunha forza política electoral.

4º. Abordar a reconstrucción da esquerda desde a óptica de se a xente debe quedarse ou marchar do BNG, mesmo do PSOE ou de EU,... é hoxe irrelevante.

A nos debería ocuparnos construír a esquerda alternativa, polo tanto a soberanista porque o demais xa existe. Xa existe a dereita, xa existe a socialdemocracia e, tamén, xa existe o nacionalismo.

Así que volvendo ao punto de partida: en realidade esta iniciativa xorde porque o BNG entrou nunha deriva que non satisface nin a unha parte dos que foron ( ou son ) membros da organización nin a unha parte que, sen selo, nalgún momento interpretamos que era o máis parecido a unha forza de esquerdas galega que existía no país.

Cometeriamos un erro se compracentemente pensásemos que todo ía ben ata o ano 2001 e as cousas empezaron a torcerse coa chegada do BNG aos gobernos municipais das grandes cidades, co cambio de liderado ou con algunha outra cuestión que se queira sumar ás anteriores.

Debemos de ser claros na análise se queremos non volver equivocarnos: o proceso de “inserción no sistema” do BNG non se realiza nun acto único senón que é froito dun proceso “evolutivo” que ten nas súas orixes algúns dos elementos clave na posterior evolución. En especial un elemento central como a relación da organización política cos movementos sociais, sempre entendida nun papel de subordinación. Galicia contaba na década dos noventa cunha organización sindical independente lider que foi entregada nun proceso de supervivencia política. Despois do desmantelamento da CXTG porque non instrumentalizar NUNCA MÁIS, asaltar ADEGA, reorientar a MESA ou tentar tomar o SLG.

O ADN do BNG conten errores xenéticos que lle teñen afectado e que, lamentablemente, afectan a todas as escisións xurdidas do mesmo pola esquerda e mesmo “contaminan” o seu entorno.

Seguramente non sexa fácil poñernos de acordo sobre estes aspectos e, aínda que teñen importancia para non repetir erros, o máis importante é poñernos de acordo cara ao futuro.

Cales son, pois, os elementos centrais para construír un novo proxecto de esquerdas?.

Estes poden ser algúns dos nós gordianos que impidan ou permitan avanzar:

- Unha estratexia de cambio clara ao servizo da cal estea unha táctica precisa, e non ao revés. A subalternidade do partido aos movementos sociais ou, dito doutro xeito ,a subordinación da táctica á estratexia.

- Unha política de alianzas acorde co anterior. Faise necesario reinventar a folla de ruta da transformación social e, sobre todo, poñer aos partidos de reforma do sistema (socialdemócratas e/ou nacionalistas progresistas) ao servizo dos movementos sociais para trazar unha aposta de cambio. O problema non está en facer alianzas políticas con outras forzas –mesmo que poidan estar inseridas no sistema– o problema é con que niveis se participa á hora de gobernar e as contradicións que esto xenera para poder seguir desenvolvendo unha política crítica co sistema.

- Un instrumento democrático e plural. Debera ser unha forza antisistemica pero moi plural e aberta. Nese senso, o nacionalismo político necesario (en termos de defensa da soberanía nacional) non pode ser como ata agora un nacionalismo ideolóxico que curtocircuíte a incorporación de novos sectores de esquerda “laicos” nin que sirva de coartada para crear novos “microespazos” nun país onde os espazos son tan achicados.

A nova esquerda debera ser asemblearia e multipolar, pero este frontismo político necesario debe construírse arredor da cidadanía e dos movementos sociais, e non arredor dos partidos políticos con cotas de poder, e indispensables compañeiros de viaxe dun partido vangarda que marca a súa orientación. Se non nos serven os partidos clásicos tampouco nos pode servir unha fronte alternativa na que as partes que a conforman sexan partidos clásicos.

- Un proxecto revolucionario, non interclasista, pero entendendo que o “suxeito revolucionario” nos inicios do século XXI é plural na súa composición social e cultural –clase obreira, pequenos labreg@s, mocidade transformadora, sociedade civil antisistémica–. Un dos elementos centrais dunha nova esquerda transformadora é precisamente entender o suxeito revolucionario como un espazo complexo, plural e dinámico, que desprace do centro de gravidade á clase obreira.

Hoxe existen amplos sectores sociais enfrontados coa globalización capitalista, tanto nos seus aspectos sociais coma na defensa de diversas soberanías: ambientais, alimentarias, produtivas, lingüísticas...

- Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o modelo económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza ( ou o que algúns veñen en chamar decrecemento ) e a xustiza social global. Trátase de elaborar políticas globais de concreción local e políticas locais globalizadoras. E, sobre todo, deben ser propostas de cambio de sistema concretas que non poidan ser asimiladas polo mesmo.

Unha proposta soberanista. No proceso de globalización e internacionalización, mesmo coa desaparición de boa parte das antigas competencias dos estados-nación nados no século XVIII, a proposta non pode ser a independencia tal como se concibía hai medio século. A opción da soberanía no marco de co-soberanías globais é unha aposta avanzada para superar o modelo de estado autonómico actual. Propostas como o federalismo asimétrico ou a confederalidade, e a co-soberanía no marco europeo ou outras nesa dirección son vangardistas e permiten facer política arredor do carácter nacional de Galicia. Un proxecto nacional – se se prefire nacionalista no político -, que formule a soberanía nacional no marco dun neointernacionalismo lonxe de construccións idealistas da nación.

- Un proxecto radical no político pero non no ideolóxico. A ideoloxía como ben a definía Marx é a supraestrutura subxectiva sobre a que se esconden aqueles que queren manter o status quo. Coñecemos (e padecemos) algúns partidos radicais no ideolóxico pero pouco radicais no político. Unha forza moderna que entronque cos movementos sociais e cos novos suxeitos antisistémicos altermundialistas (ecoloxismo, neointernacionalismo, antipatriarcalismo, interculturalismo...) e respectuoso coa súa independencia e co seu carácter estratéxico, que os sitúa como referentes centrais na actuación política diaria.

Pero se todo isto é importante para configurar un proxecto político a pregunta que temos que facernos (e que se está a facer moita xente) é a seguinte: Fai falla unha nova forza política? E se fai falla, que tipo de forza política e con que vimbios temos que construíla?

Empezando pola primeira pregunta. A necesidade dunha forza política ou non vai depender de que exista un espazo político que cubrir.

A priori dubido de que teñamos marxe para a esperanza, sexa socialdemócrata (+BNG) ou altermundista (EI), pero o que non teño dúbidas é que non temos a día de hoxe un referente claro de esquerda nas institucións.

Hoxe parece que cada vez hai máis sectores sociais e persoas que demandan un proxecto político galego de esquerdas, plural e con vontade transformadora.

Agora ben, esta demanda non esta cuantificada e non sabemos se no fondo tería o espazo electoral mínimo para non ser unha forza marxinal cun espazo electoral residual.

Isto fai que moitas das persoas que poidan formular esta necesidade non se atopen con forzas para poñer en marcha un proceso constituínte.

Por outra banda, as organizacións e movementos sociais que puidesen ser outro dos elementos de empuxe para este proxecto son moi débiles politicamente e están desvertebrados organizamente, ademais, teñen un nivel enfermizo de parcelarismo.

Se existise un movemento social independente, político e forte non sería nin tan sequera problema que o partido por onde canalizar as demandas fose un partido de reforma ou “socialdemócrata”.

Pero este non é o problema. O problema é que todos os intentos por crear unha forza política galega no espazo da socialdemocracia fracasaron.

A intención de crear un socialismo galego no espazo da socialdemocracia é unha quimera contra a que se bateu en diversas décadas. Nos setenta fracasou o proxecto do PSG, nos oitenta acabou naufragando EG, nos noventa EdG nin tan sequera chegou a nacer, abortando nunha operación de pura supervivencia, na época actual vén de fracasar de xeito contundente a operación de transformar o BNG utilizando as institucións como trampolín para a súa reconstrucción.

E fracasaron e fracasarán porque o espazo socialdemócrata, neste país e nas actuais condicións socio-políticas, o ten e o vai seguir tendo o PSOE.

Pero entón, a seguinte pregunta sería: existe espazo político para unha forza antisistémica clara?

Tal e como demostran as experiencias do noso contorno parecería que é posible, aínda que a enfermidade infantil da esquerda en Galicia, o sectarismo, parece demostrar o contrario.

Agora ben, os partidos e forzas políticas teñen uns ritmos marcados polas convocatorias electorais e xogan dentro do sistema. Mesmo aquelas forzas máis radicais (que se sitúan noutras partes de Europa arredor dun 10% electoral) están marcadas por contradiccións á hora de abordar a súa participación en parcelas de poder provocadas a partir dun certo nivel de “éxito” electoral.

Por outro lado, un proxecto político non ten por que ser, durante unha etapa determinada, un proxecto electoral.

Así que se un proxecto de corte “socialdemócrata” está abocado ao fracaso e se a posibilidade dun espazo de esquerdas alternativa (sexa ecosocialista ou outra formulación similar) é máis que dubidoso, nos quedan algunhas outras opcións:

A. Vertebrar un proxecto político que se desenvolve ao marxe das citas electorais, ou mellor dito, onde os seus membros participasen nas forzas políticas de esquerda existentes (BNG, PSdG...) ou nos movementos sociais, converténdose nunha corrente non dunha forza política senón dun país. un colectivo político que funcione como lobbie de esquerdas en favor do país

B. Apoiar e fortalecer aos movementos sociais con capacidade de aglutinar arredor de si espazos concretos fortes e independentes e con claro proxección política –Amarante no neointernacionalismo, Verdegaia no ecoloxismo, SLG no sindicalismo agrario, Foro da Inmigración na interculturalidade, a MMM no feminismo,...– e desenvolver redes transversais como a Rede Anticapitalista, a ISAP ou GNSV.

C. Favorecer a converxencia das forzas políticas soberanistas e de esquerdas existentes hoxe fóra do BNG e que practicamente non teñen diferenzas culturais políticas ou ideolóxicas –MPB, FPG e PCPG.– A forza resultante dun proceso de fusión de ditas forzas seguramente non tería un resultado en termos electorais pero seria a demostración pedagóxica de que nos partidos aínda a lugar para a esperanza.

En todo caso é a esquerda o que esta por reinventar aquí tamén, porque se esta a reinventar en todo o planeta (altermundismo, ecosocialismo, anticapitalismo son algunhas das súas expresións). Pero caeriamos nun erro se pensaramos que por estar orfos de proxecto partidario, deixaramos as nosas tarefas nas organizacións civís para centrarnos na construcción dun novo aparato partidario.

A relación de (re) construcción política da esquerda vai ser dialéctica tendo que ir parello o fortalecemento da esquerda social de caracter político e a reformulación da esquerda política partidaria. Senón hai músculo social a esquerda partidaria será anorexica e volvera a xerar unha nova decepción tarde ou cedo.

En todo caso namentres algúns nos invitan a vivir como galegos faise necesario pensar como galegos: a retranca é a esencia nihilista dun pobo acostumado a vivir na frustración e na desconfianza. A este pesimismo froito da intelixencia teremos que poñerlle moitas doses de optimismo da vontade.

Información adicional