E si Amarante non existira

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Fai algo máis de 10 anos na terraza do xa desaparecido cafe-bar Savoy de Pontevedra, Xosé Cuns, Xaime Leiro, Marta Tenreiro, Guillermo F. Obanza, Xulio López, Pablo Cons, Pepa Vázquez e máis eu, reuniámonos para impulsar un proxecto galego solidario e ecoloxista que a proposta de Pablo se chamaría igual que a vila portuguesa.

Nestes 10 anos, oito como director voluntario [1] e os dous últimos en diferentes tarefas coma profesional, tiven momentos de preguntarme se en realidade tiña sentido todo o esforzo posto para poñer en marcha o proxecto de Amarante, mesmo se tiña sentido a propia existencia de Amarante en si.

Nestes últimos días de profesional e xa nunha etapa na que a miña vinculación ao proxecto vai ser voluntaria e dando un paso atrás da primeira liña, volvín a pensar nesa interrogante.

E como James Stewart no filme de Frank CapraIt's a Wonderful Life” tiven que facer un esforzo – sen anxo da garda que me acompañara – para respostar a esta interrogante e sobre todo tamén para facer balance deste período tan intenso.

Teño que recoñecer que Amarante naceu dunha crise vital e con este precedente o normal e que rematara nun proxecto personalista coma tantos en Galicia nos que a persoa fundadora se converte na peza central sobre a que se artella unha estrutura endogámica.

Afortunadamente non ten sido así e por unha serie de avatares Amarante foise consolidando como unha organización de referencia non so no mundo da solidariedade, senón tamén no movemento asociativo e cidadá galego.

Diso teñen a responsabilidade moitas persoas que sen apoios partidarios, sectarios ou empresariais – coma ocorre no caso do 95% das ongs – sacamos adiante un proxecto con moitas horas de traballo voluntario e grandes doses de imaxinación.

Agora ben, a propia existencia, é unha “fortaleza” nun país desestruturado socialmente coma o noso, non é un mérito en si se dita estrutura non serve para transformar a realidade.

Así que volvendo ao filme que foi titulado aquí como “Que bello es vivir” imaxineime como sería a realidade senón existira Amarante.

O primeiro que pensei é que moitos cenizos estarían felices de ser así, pero este pensamento non é propio da miña situación vital actual así que o desbotei inmediatamente.

Logo pensei nos Sem Terra, no apoio político e económico dado durante estes anos por nós, tamén en Maquita e os proxectos que temos co-financiado ou nas mulleres de Athawassoul e a súa dignidade. Pero pareceume pouca bagaxe.

Pensei nas persoas que se sensibilizaron durante estes dez anos. Os varios centenares que pasaron polo programa Xanela e nas decenas que viaxaron e coñeceron a realidade do Sur. As que informamos e formamos en Consumo Responsable, en Compra Pública Responsable ou en Finanzas Éticas, termos algúns deles que pisaron Galicia a primeira vez da man de Amarante.

Pensei na cara que se lle puxo a Adolfo Domínguez o día que nos viu entrar por primeira vez na xunta de accionistas de ADZ ou as duras interlocucións cos executivos de Inditex. As campañas de denuncias sobre o papel do Banco Santander ou do BBVA en Latinoamerica. E debe ser pola miña tradición antisistemica que un pequeno sorriso malintencionado aflorou na miña mente.

Como esquecerme do Comercio Xusto. Ese foi o elemento central destes dez anos. Dimos os primeiros pasos na comercialización e convertémonos en referentes no debate político sobre o mesmo. Non necesitamos o dogmatismo de outros para entender que esta ferramenta, tan importante para as produtoras do sur, era incompleta senón estaba ao servizo dunha estratexia de cambio de relacións comerciais e de produción, onde elementos coma a soberanía alimentar xogan un papel central.

Pero quizais onde Amarante foi máis útil, ten sido na elaboración dunha liña de politización dos movementos sociais para que se vertebrara un movemento social de caracter estratéxico libre de ataduras e submisións aos plantexamentos tacticistas dos partidos políticos. Neste terreo queda moito por andar pero hai dez anos era impensable que existiran organizacións sociais con perspectiva política ao marxe dos partidos e con proxectos unitarios de transformación. E iso a pesar da frustración que a instrumentalización de Nunca Máis xenerou unha vez máis.

Agora ben, e xa a estas alturas creo que Amarante ten servido para algo/moito, o máis satisfactorio destes anos e que supuxo unha profundización no noso perfil de organización social “totalista”, como nos definiu Arcadi Oliveres, foi liderar o movemento antirracista cando os desaloxos das familias xitanas no Vao.

Son estes temas os que sitúan con claridade a división entre a esquerda e a dereita. A defensa dos máis débiles, a pesar da cantidade de inconvintes como para “laissez faire laissez passer”, ten que ser central. A pobreza ten o mesmo rostro e o mesmo olor no Vao e nas favelas de Río, so é unha cuestión de latitudes.

Que fácil é ser sumiso cos poderosos e prepotente cos débiles. Cantos naqueles días se amosaron así. Nós seguindo a reflexión do doutor Daniel Da Barca no lapis do carpinteiro de Manuel Rivas preferimos neste caso non facer “suspensión da conciencia”.

Non sei o que nos deparará o futuro, seguramente tempos dificiles, mesmo momentos de posible zozobra, pero en todo caso creo que de non existir Amarante alguén debería creala. Ou non!

Quizais o “éxito” está en, coma din os camaradas brasileiros, “acreditar no que faz”.


[1] Aclaro esto para aqueles malintencionados ou desinformados que levan anos comentando de cómo Xoán Hermida vive das ONGs.

Información adicional