Variacións sobre o amor e as relacións sexuais afectivas

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Sempre me interesou afondar nos temas relacionados coas relacións afectivo-sexuais. A miña visión e practica teñen avanzado por liñas totalmente libres de tabús e de prexuízos morais, tan condicionantes a hora de abordar este e outros debates periféricos. 

A institución familiar é sen dubida unha das que menos se ten modernizado nos últimos anos e nas que se teñen atopado estructuras máis ríxidas en varios séculos. Así ata case as primeiras décadas do presente século os dereitos da muller na familia eran practicamente nulos e foi nesa mesma época cando nos países máis avanzados se plasmou legalmente a posible anulación contractual do mesmo por medio do divorcio.

 

Este inmobilismo da institución familiar levou a que sectores progresistas renunciaran - e sigan a renunciar - a un ente que ten máis de estructura piramidal e reproductora de falsos valores que dun enlace amoroso que fixa os seus límites legais e temporais contractualmente diante da sociedade civil.

Faise pois necesario un proceso de democratización profundo da familia. Primeiro laicizándoa, quitándolle calquera connotación relixiosa ou sacramental e polo tanto pluralizándoa. A familia debe entenderse como un proxecto en común entre seres humanos e como tal existen tantos tipos de familias como tipos de relacións humanas e afectuosas: monoparentais, heteroxesuais sen descendencia, homoxesuais con descendencia, colectividades grupais con ou sen descendencia,... Alí onde exista un vinculo afectivo relacionado cun proxecto vivencial común debe existir en termos legais unha familia e esta debe estar amparada polos poderes públicos.

En segundo lugar humanizándoa. Deben cambiar os roles dos homes e das mulleres adultas, dos primeiros para que asuman a humanización do cotiá, as segundas para que ocupen o lugar que a historia dos homes lles roubou. Deben cambiar as relacións dos adultos cos nenos e coas nenas para que non existan máis homes e mulleres con infancias roubadas ou violentadas por adultos.
 

A aposta debe ser, en todo caso, unha relación libre pero con compromisos. Non comparto o egoísmo daqueles que non son capaces de comprometerse con ninguén porque non queren definirse consigo mesmos ou como di o escritor norteamericano Paúl Auster na súa obra de axuste de contas co seu pai “la invención de la soledad” : “se a un home a vida lle resulta tolerable so si permanece na superficie de si mesmo, é natural que se sinta satisfeito obtendo esa mesma superficie dos demais. Ten que responder a poucas demandas e non necesita comprometerse. O matrimonio pola contra, péchalle esa porta”.

Unións de feito é un texto que ten apenas unha década e cando afirmaba que o cambio necesario era “unha cuestión de tempo... e de razón” non podía imaxinar os cambios legais que unha década despois se ían producir na lexislación española ( nomeadamente a lei de matrimonios homosexuais ). En todo caso, a escasa oposición social a estas novas normas veñen a confirmar tal como diciamos algúns que a sociedade as veces vai por diante da lexislación.

O traballo Familia e matrimonio, sentimentos e sexo foi elaborado para unha das asignaturas do Master 'filosofía:cuestións actuais' USC; en decembro 2010

Ver texto integro files/Familia_Matrimonio_Sentimentos_e_Sexo.pdf

 

UNIÓNS DE FEITO

O texto deste artigo foi publicado en marzo do 97 na revista Nova Galicia e foi escrito a medias con Berta Cao, daquela responsable da muller en IU Federal.

Unha das maiores modificacións sociais que se teñen producido nos últimos anos é a diversificación dos núcleos sociais básicos:as familias. Así, entrou en crise a unión tradicional home-muller-descendencia, e os conseguintes tópicos sobre o sostén económico.

Hoxe todo esto é historia e existen e son recoñecidas distintas composicións familiares teorizadas polos expertos, e que van desde as “monoparentais”, maioritariamente femininas, ata o maior dos agrupamentos ( ascendencia-descendencia), por non mencionar a tan traída e levada tardanza dos descendentes para abandonar o “fogar familiar”.

Todos estes novos núcleos son admitidos e estudiados, etiquetados convintemente segundo o prisma económico consultado. En ningún caso analizase como o afecto pode incidir nesa transformación social que supón só a aceptación do termo ‘familias’, en plural, e máis aló, a ruptura das estructuras que pode traer a asunción de opcións non tradicionais, opcións sexuais,...que acaban por rachar o sistema equilibrado e controlado.

Esta é a razón que leva a negar a existencia de parellas de homosexuais e a oposición a outorgarlles calquera dereito, e por elo rexeitalas na decisión política, como se puido comprobar na recente sesión do Congreso dos Deputados onde se plantexaba o pase a discusión das Proposicións de Lei de Parellas de Feito do Grupo Socialista e do Grupo Federal de IU/IC.

Entre estas dúas Proposicións de Lei existen certas diferencias: a proposta do Grupo Socialista dirixe a súa acción ao recoñecemento a dereitos devengados da convivencia, dereitos patrimoniais e dereitos postmortem, sen incluír, como si o fai a proposta de IU/IC, a equivalencia de calquera das unións e teña esta os compoñentes que teña.

Así a proposta de IU/IC estipula os mesmos dereitos para unións do mesmo sexo que para heterosexuais tanto no referido a adopción, regulación da nacionalidade dos seus compoñentes ou a declaración conxunta de Facenda Pública. Tratase de romper a actual discriminación entre unións familiares de primeira (antes só matrimonios de bicaría, hoxe xa civís e relixiosos); unións familiares de segunda, evidentemente parellas heterosexuais; e logo parellas gays e lesbianas, rondando senón a ilegalidade, si a marxinación política.

A actual maioría de dereitas axustouse e des’centrouse’ para volver as súas orixes, impedindo a tramitación das dúas Proposicións de Lei.

Pero, a cuestión non queda no Parlamento. A aprobación da posta en marcha dun rexistro de ‘unidades non matrimoniais’ no concello de Cambre significa un xiro máis na obrigada aceptación por parte das administracións dun feito imparable. O rexistro aceptará inscribir calquera unidade non matrimonial coas únicas condicións de que o seus integrantes, en número ilimitado, estean censados no concello e sexan maiores de idade ou menores emancipados legalmente. Nin sequera se establecen restriccións para grupos que teñan relación de consanguinidade entre os seus membros como é habitual na maioría dos rexistros municipais. Tense omitido esta salvedade da consanguinidade xa que en Cambre existe un caso de cohabitación entre dous irmáns con fillos e que contan co máis absoluto respecto dentro do pobo. Non é casual que fronte o voto maioritario das forzas progresistas, os concelleiros do PP abstivéranse e mesmo solicitaran crear un rexistro como “o de Victoria ou o de Santiago”.

O caso do concello de Cambre amosa unha vez máis que a realidade é moito máis plural do que algúns pretenden regular. Máis aló das paxinas de xornais e de minutos de telexornais adicados estes días ao concello de Cambre, quédannos dúas cuestións medianamente claras:

A primeira, é que todos e todas temos os mesmos dereitos legais e xurídicos e seguramente existan elementos do código civil que inculcan a constitución do 78. Polo tanto faise necesaria unha actualización da lexislación para que unha vez máis a sociedade non teña por que ir, de xeito vergonzante, por diante das leis que a regulan.

A segunda, é que a organización da sociedade segue a ser unha das liñas divisorias entre a esquerda e a dereita, política e sociolóxica. Escoitar ao tenente de alcalde de Cambre, Augusto Rey, afirmar que se decidiron a dar o paso a partir dunha “elaboración intelectual do problema”, inspirada na lectura dun artigo do ensaísta Vicente Verdú, é máis que refrescante.

Agora só cabe esperar a actitude de progresistas “virtuais” e da dereita “fundamentalista” para saber ata que punto un tramite tan sinxelo e tan cheo de humanidade acertou de pleno na liña de flotación da súa trasnoitada moral. Mentres, afortunadamente, a realidade segue o seu curso. E unha cuestión de tempo... e de razón.