Os dous golpes do 6 de xaneiro

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

baixada de persiana

 Xoán Hermida 

Cal idiotas que cando se sinala a lúa miran ao dedo, así se atopa a infantilizada e acrítica sociedade actual. Nunca tanta información compartiuse e nunca tan pouco informada estivo.

O pasado 6 de xaneiro en Estados Unidos producíronse dous ataques ao estado de dereito e á democracia liberal. Do primeiro, auspiciado pola extrema dereita populista (o asalto ao Capitolio) fixéronse eco todos os medios de comunicación global e foi condenado pola práctica totalidade dos columnistas de opinión (e non era para menos: en case douscentos anos realizábase un punch ao corazón mesmo do poder popular). 

Do segundo, auspiciado polas corporacións da información de redes, e amparándose no seu carácter privado, (o peche das contas do actual inquilino da Casa Branca) informouse sucintamente pero ningún comentarista nin creador de opinión alertou sobre as consecuencias que para o Estado de Dereito e a democracia pode ter este acto a medio ou longo prazo.
 
O punch golpista foi parado pola FBI e a Garda Nacional. O outro acto ten consecuencias a máis longo alcance que obrigan a abrir un debate profundo sobre o carácter das redes sociais nas democracias do século XXI.
 
Pero vaiamos por partes.
 
O populismo contra a democracia
 
O Trumpismo, con Trump ou sen Trump, vai seguir estando presente en EE.UU., do mesmo xeito que o populismo de dereitas e de esquerdas está instalado nas nosas democracias pois responde a unha crise de representatividade. Unha parte importante das clases medias e baixas perderon a confianza no sistema tras un proceso de empobrecimiento xeneralizado e continuado e xunto a isto, á percepción de que son apartados das decisións dunha clase política cada vez máis afastada do pobo.
 
Os dous grandes inimigos das democracias liberais son o populismo e o nacionalismo.  A esquerda, en lugar de dar unha alternativa de mellora e rexeneración nos mecanismos de representación política sumouse á corrente populista de cuestionar os propios mecanismos democráticos de existencia de institucións respectadas e de contrapeso entre os poderes executivo, lexislativo e xudicial. 
 
Esa mesma esquerda, que a principios do século formulo desde o altermundismo unha alternativa ao globalismo liberal, renunciou a esa aposta e refuxiouse nun nacionalismo rexional ou nacional que nos retrotrae ao mundo previo á segunda guerra mundial.
 
Non existe un populismo e un nacionalismo de esquerdas e outro de dereitas. Existe un único populismo que vai seguir pondo en dúbida a propia democracia mentres a dereita e a esquerda democrática non se libren da presión do populismo e do nacionalismo que condicionan as súas axendas estratéxicas e os seus programas de actuación. No caso da esquerda global, ademais, vai ter a maiores a necesidade de reinventarse e volver situar un programa de acción global máis aló do resistencialismo e das propostas locais.
 
Liberdade de expresión no século XXI

Hoxe as redes sociais xogan o papel que outra hora xogaban os medios de comunicación tradicionais. O proceso de tránsito avanza a unha velocidade imparable que debe levar aos poderes públicos, profesionais da información e sociedade abrir un debate necesario sobre o papel de cada un e os límites da información e a veracidade. 

A influencia, e o uso case monopolista, de certas corporacións no control das redes sociais obrigan a non miralas como un asunto privado senón un asunto de interese público.
 
A potestade dun medio, tradicional ou de rede, sobre a súa liña editorial permite claramente a Twitter ou Facebook sinalar un post ou eliminar un tuit en concreto do mesmo xeito que un xornal se reserva a orientación das súas columnas ou a publicación de tal ou cal noticia. Cousa distinta é o bloqueo ou a eliminación dunha conta dun personaxe por moi desprezable que este sexa. 
 
Nin Omid Kordestani nin Mark Zuckerberg son quen para condicionar a libre expresión e difusión de mensaxes. Soamente un xuíz nas súas atribucións constitucionais e en función dun posible delito é quen para pechar unha conta social ou paralizar a difusión dun medio.
 
Se permitimos que sexan os propietarios das corporacións quen decidan o permisible ou non conseguiremos un dobre movemento: o de debilitar a un Estado de Dereito xa deteriorado e o de dar argumentos aos populistas sobre o secuestro da democracia polas grandes corporacións.
 
Case unha semana despois do dobre golpe do 6 de xaneiro soamente a chanceler alemá Merkel expresou a súa preocupación por esta situación demostrando, unha vez máis, que é das poucas líderes globais que queda á xa maltreita democracia.

Mentres a esquerda onde está? No mesmo campo do populismo e do nacionalismo que Trump.