Canto a nós mesmos

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Artigo publicado en Galicia Confidencial

Existe unha sensación clara e rotunda no electorado da esquerda de frustración. A marxe de dita sensación, moitas veces alimentada interesadamente por parte dalgúns medios e creadores de opinión, o certo é que tal como se viña desenvolvendo a evolución política das novas forzas (nomeadamente Podemos) desde o 2016 non era moi difícil imaxinar un desenlace como o que aconteceu o pasado 25 de xullo.

Nunca Mais 2

Non se trata agora de afondar nas múltiples causas, de índole variado, que actuaron desde o primeiro momento para que pasara o que pasou. Dalgunhas delas xa teño (e outros teñen) escrito con profusión.  A idea central sería que as forzas encargadas de poñerlle letra á música do cambio (15M) non so interpretaron mal a partitura senón que non tiñan interese algún na mesma. Ao final este ciclo alcista das forzas alternativas pechase do mesmo xeito que o anterior (a finais dos 90) cunha esquerda radical repregándose sobre si mesma, desempoando o máis rancio doutrinarismo e illándose social e politicamente.

 Existe, por outra banda, unha corrente lóxica en moitos activistas do cambio de refuxiarse no  lugar seguro dos movementos e iniciativas sociais, menos debedoras de curtopracismo, aínda que vai ser difícil atopar algún lugar en pé despois do tsunami populista-institucionalista.

Sexa como fora, está claro que abordar os cambios democráticos estruturalmente necesarios no armazón institucional español, facer fronte aos restos ambientais do mundo global, ou darlle un pulo ás políticas de progreso en defensa dunha maior xustiza social, non vai depender,  nin exclusiva nin unicamente, de si a esquerda que estea nos gobernos sexa templada (social-liberal), radical (neosocialista) ou doutrinaria (postcomunista). Seguramente as diferenzas non viran de si é o PSOE ou UP, o BNG ou En Marea quen goberne (e a razón de cantos ministerios corresponde por familia política), senón si existe un músculo social e unha sociedade civil activa e organizada que presione en cada momento sobre cada tema ata convertelo no centro da axenda e no eixo transversal da acción política.

Quizais por iso, a necesaria  reactivación da sociedade civil é un paso previo necesario para que despois a acción de goberno se corresponda co esperado. Namentres estaremos inmersos nun xogo de posición tácticas que a curto prazo pecharán o ciclo e posibilitarán ao PSOE  volver a ser o partido central xa que é quen mellor sabe ler a realidade, non só en clave social, senón sobre todo en clave de maiorías transversais (co engadido que ofrece a fiabilidade e seguridade que outros non saben dar).

Formo parte dunha xeración ‘interregno’. Demasiada nova durante a anterior transición (incorporándose xa no seu desenlace) e demasiado maior ao asomarse a este novo proceso de transito (incorporándose con certo escepticismo inicial). A maioría de nós incorporámonos á política desde o activismo social e cando fixemos incursións na esquerda institucional (non eludimos as nosas obrigas) foron participadas a partes iguais pola desconfianza e o interese analítico, nun algo que no meu caso poderiamos dicir mesmo cun punto de ‘voyeurismo’.

Creo que para nós chegou a hora de laicizar a participación cívica desde o compromiso ético; naturalizar o noso papel de votantes atendendo de xeito asimétrico, como fai a maioría da xente, ás prioridades de cada momento; e apostar politicamente atendendo máis ao sentido da  realidade que a apostas  populistas convertidas en auténticos ‘cul de sac’.

Seguindo a máxima de que o máis revolucionario que se pode ser é honesto cun mesmo, por moitas liñas vermellas que haxa que cruzar ou algunha xente decepcionar.