Independece day

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

INDEPENDECE DAY. LISBOA. Hoxe, 1 de decembro, é o día que se conmemora a independencia portuguesa.

Aínda que a coroa de Portugal xa conformou un estado independente da de Castela desde 1143, esta sempre aproveitou as inestabilidades políticas dos veciños para intentar algunha que outra ‘OPA hostil’. Os dous intentos máis soados tiveron, nun primeiro caso, forma de guerra (que rematou en 1385 coa batalla de Aljubarrota) e, no segundo caso, tras 59 anos de anexión institucional, nunha revolta popular en 1640 que é a data nacional para celebrar a independencia.

Ben e certo que vivimos en tempos onde o concepto de ‘soberanía nacional’ non ten a capacidade construtiva de outro tempo. O proceso de mundialización económica  ten deixado aos estados cunha forte incapacidade para enfrontarse a capacidade de presión de transnacionais e oligopolios, por outra banda, os procesos de integración rexional -no caso de Europa-  suprimiron  instrumentos básicos para definir unha política financeira propia como a moeda ou o banco central ‘nacional’.

Tamén, non é menos certo, que unha boa parte de historia negra de Espanha e de Portugal corren parellas: imperialismo transoceánico, época escura dominada pola inquisición, decadencia política -cuns monarcas caprichosos- seguida de decadencia moral (o 98 portugués adiantase oito anos e  ten aos británicos como protagonistas), colonialismo decadente e ditadura fascista.

Aínda así, ocorréseme múltiples motivos para celebrar a data. A existencia de un estado que preserva a supervivencia política do noso universo cultural e idiomático. A forza dos valores da liberdade sustentados na presenza do único modelo republicano na península e nos valores da Revolución de abril. A existencia de un ‘refuxio’ seguro no caso que veñan mal dadas no noso estado (de cousas) que chamamos Espanha.

As circunstancias nas que os antigos reinos medievais peninsulares foron dando paso a estados modernos, e posteriormente ao proceso de construción nacional institucional no transito ao capitalismo contemporáneo foron determinantes para que hoxe existan unhas nacións con estado e outras sen el, pero á marxe de ese ‘azar’ histórico, cabería preguntarse, tal como o facía o cativo ao seu avó na ilustración de Castelao: “E  os  da banda d'alá [do Miño] son máis estranxeiros  que  os de Madrí?”. A resposta: decididamente, non.

No marco dos actuais procesos de construción inter-cultural e poli-identidatitarias que ten permitido construír empatías colectivas entre realidades moi distantes, lamentablemente desde a Espanha oficial (e hexemónica)  non se ten aproveitado nin tan sequera, xa non para crear empatía con outras realidades próximas (Portugal ou Francia), senón que nin para facer o máis mínimo esforzo por intentar entender as identidades nacionais de cidadáns e cidadás que conviven no seu mesmo territorio administrativo.

Quizais por iso en días como hoxe, nunha maña soleada e preciosa en Lisboa, algún non nos costa nada sentirnos portugueses e pola contra cada día se nos fai mais costa arriba sentirnos españois.

Información adicional