Intelixencia para defender a alegria

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

INTELIXENCIA PARA DEFENDER A ALEGRIA. Levábamos tanto tempo anunciando, as veces coa incredulidade da maioría,  que estabamos diante dun episodio de cambio constituínte, que cando este entrou na súa fase máis disrruptiva é normal que se instale unha certa sensación de vertixe.

Ben é certo que existe unha bipolarización social non desexable, ben é certo que se ten asentado no debate político unha dinámica perversa de confrontación innecesaria, ben é  certo que a capacidade de análise non é a que cabía esperar.  En todo caso as dúas primeiras características soamente son explicables na lóxica da fase da contenda na que estamos e as limitacións analíticas teñen que ver coa dinámica de superficialidade e dogmatismo xa habitual na esquerda.

Cando en xaneiro de 2012 saltaba polos aires o contenedor que durante dúas décadas viñera acubillando á esquerda galega, algúns dixemos que estábamos diante dunha crise non só metodolóxica senón, fundamentalmente, epistemolóxica e ontolóxica.

 

Uns meses antes, o 15M anunciara o inicio simbólico dun proceso constituínte no Estado e sinalara que as vellas estruturas e os vellos paradigmas sobre os que se sustentara a política estaban en cuestión. Daquela a min gustábame repetir que ‘a unidade sen renovación era pura melancolía’.

A finais de 2015, tras as eleccións xerais de decembro onde irromperon, como nunca o fixeran, as forzas do cambio sobre un primeiro e exitoso modelo de transversalidade política e nacional,  non houbo a capacidade para interpretar a importancia política que a saída de Rajoy da Moncloa tiña para o episodio de cambio que estábamos a vivir. A permanencia no PP no goberno precipitou unhas novas eleccións e diante do discurso voluntarista da unidade, algúns advertimos, unha vez máis, que a capacidade de ofrecer unha alternativa hexemónica desde a centralidade tiña moita máis importancia que calquera suma. O resultado é coñecido.

Agora, cando xa estamos inmersos no momento máis  álxido da contenda política dentro do episodio constituinte que nos tocou vivir non deberiamos  apostar todas as papeletas  da solución de todos os males ao talismán das unidades ideolóxicas ou identitarias.

Non serei eu quen lle quite ni un ápice de importancia ao factor unitario –sobre todo á máis que necesaria cooperación cidadá-,  pero con seguridade as forzas do cambio sairemos con maior ou menor éxito deste período en tanto en canto sexamos capaces de acertar na análise, deseñar un relato crible e posible, e entusiasmar arredor dun modelo político e social para a maioría social sabedores de que o esta en crise e o modelo democrático e non outras cousas.

As forzas do cambio, os seus dirixentes e activistas,  teñen a obrigación de estar a altura do momento fuxindo de simplificacións e fanatismos. Primeiro, gozando dun momento ilusionante que non todas as xeracións teñen a oportunidade de vivir. Segundo, defendendo a alegría, estendendo os motivos para soñar coas utopías. E terceiro, mantendo a obxectividade na interpretación do momento, o equilibrio na solución  das diversas encrucilladas e a capacidade de atopar a contradición principal que permita xerar unha axenda propositiva, á vez sedutora para as necesarias disidencias do ‘réxime’ e  atractiva para as maiorías que vaian consolidando o proceso democrático.