Apuntes urxentes sobre a primeira crise da nova política

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

lgbt-mandamientos-

 

Xoán Hermida

O episodio de cambio deconstituínte/constituinte que estamos a vivir tivo as súas primeiras sinais claras no inicio da década anterior coincidindo coa fisura na placa tectónica nacional vasca e catalá (Plan Ibarretxe, Estatùt de Catalunya) e coas mobilizacións de Non a Guerra! e do Nunca Máis, e ten o seu arranque simbólico no 15M.

É o 15M o que referencia unha urxencia e a súa vez a necesidade dunha nova expresión política, nin AGE primeiro, nin Podemos despois, con ser froito dese contexto, son os elementos enmarcadores do novo tempo. De existir un interface aproximado ao que quería expresar o 15M esas son as iniciativas de unidade popular municipal que tiveron a súa concreción en algunhas plataformas e Mareas nas municipais do 2015.

O 15M non necesitaba apostillas en clave ideolóxica ou identitaria, a súa musica non necesitaba letra senón simplemente requiría coller a partitura xa composta colectivamente nas prazas e transformala en acción política.

[1] CAMIÑO DE IDA E VOLTA

No ano 2011 moitas activistas sociais, algúns mesmo que noutra etapa participaramos en partidos e abandonaramos desencantados, reincorporándonos á política coa ilusión dun tempo novo que se abría na dignidade das prazas.

Creamos interfaces novos, distintos como diversa era a visión que tiñamos do mundo e do noso país; construímos o primeiro espazo de colaboración transversal no nacional e no social con AGE; observamos con impotencia como esa experiencia fracasaba pero aprendemos e puxemos en marcha candidaturas de unidade popular cidadáns. Despois vimos como os aparatos dos partidos que miraran con desconfianza esas Mareas apropiábanse do patrimonio simbólico das mesmas facendo o que saben facer: estruturas electoralistas copulares. A pesar diso, e por responsabilidade, votamos a En Marea nunhas xerais decisivas e puxémonos a construír Mareas en Común coa intención trasladar ao nacional os nosos modelos locais. Faltounos tempo e, namentres se afianzaba á dereita no poder non sen algún erro táctico de calado, transacionamos a refundación dunha ‘nova’ e instrumental En Marea que asumía a interpretación teórica das Mareas a cambio de ceder por unha marca xa coñecida uns mecanismos non de todo participados.

O resultado dunhas primarias no que os membros sen adscrición partidaria concorreron en desvantaxa, e que deu como resultado un grupo parlamentar onde soamente 2 de 14 membros non teñen afiliación partidaria; xunto coa disolución de facto de Mareas en Común foron claves para a desactivación e illamento dos mareantes que a esa altura xa conseguiran niveis de influencia decisivos como se puido comprobar na asemblea fundacional de En Marea (xullo 2016).

Con todo, as activistas botáronse as costas a campaña das autonómicas e as Mareas volveron a ser o motor para que co mellor candidato En Marea converterase na segunda forza política do país, nun momento de declive das forzas da nova política.

Tocou dar un paso máis. A elección ao Consello das Mareas, que debería ser un momento de consolidación do proxecto nacional e cooperativo de En Marea,   amosouse nunha competencia entre candidaturas de ‘parte’ que como resultado configurou un órgano político onde as mareantas representan menos do 20% do total a pesar de ser a ‘infantería’ do proxecto. É o que é peor, e alguén debería xustificar, das representantes das cinco mareas urbanas (Marea Pontevedra declinou participar e Compostela Aberta non incorporou a ninguén) hai un ‘gran’ equilibrio de xénero: 7 homes e 1 muller. Como nalgunhas operacións de órganos o software cooperativo de Mareas en Común encontrou incompatibilidades no hardware competitivo de En Marea.

[2] MÁIS ALÁ, PERO RECOÑECERNOS MIOPES

Sábese en química orgánica que un mesmo elemento sometido a distintas condicións de presión atmosférica, temperatura e combinación con outros elementos acaba, con total seguridade cambiando as súas propiedades ata transformarse.

Nestes últimos meses puidemos observar como xente radicalmente democrática, rigorosa intelectualmente e honesta desde o punto de vista humano que na súa Marea local actúan coherentemente, por efecto contaxio, admitían parámetros diametralmente opostos ao participar nunha combinación de elementos con ansias de poder e posicións sectarias.

Quizais non era tan fácil instalar o software cooperativo de Mareas en Común no hardware corporativo de En Marea. Quizais como pasa na química orgánica o elemento contaminador non é necesariamente o maioritario senón o que ten máis capacidade de penetración no outro. Quizais era mellor para vertebrar un proxecto nacional aceptar de forma transitoria unha coalición pública e non ter forzado unha coalición de facto privativa e falta de transparencia. Quizais a boa vontade non chega e necesitamos non aceptar nunca máis unhas regras de xogo cheas de trampas.

Un que pensa que a esquerda leva 140 anos en crise (o mesmo tempo que ten o programa de Ghota) non perde a capacidade de responder con dignidade e responsabilidade aos procesos e a máis que posible derrota, sabendo que agora toca elixir entre posicións maximalistas, nunha dinámica de confrontación, coa única esperanza que un home xusto se impoña e acabe resistindo entre tanta miseria humana, tanta interese particular e tan pouca vergoña.

O único que nos debía mover debería ser pedir desculpas á xente que sofre e que non esta nas mesas de decisión porque por culpa das nosas miopías e as nosas decisións vai ter que seguir sufrindo outra tempada.

[3] SOBRE LISTAS BLOQUEADAS E CORALIDADE

A decisión entre optar por listas bloqueadas ou abertas non é unha cuestión de democracia. As regras as definimos entre todas é son tan lexitimas, desde o punto de vista democrático, unha opción coma outra.

Trátase dunha cuestión de radicalidade democrática e de ‘nova política’. Si En Marea apostara, como propuxemos algúns no plenario de decembro, por listas abertas hoxe non teriamos porque aceptar un pack completo de nomes e de programas non participados.

O problema das listas bloqueadas é que si hai lista de consenso esta se compón en función dos intereses dos negociadores (a maior parte das veces máis por motivos inconfesables que de valía política) que do interese xeral do proxecto. No caso de varias listas as persoas e a orde acaban decidíndoa os ‘aparatos’ das distintas candidaturas.

Sobre o falso debate da coralidade. En realidade o que se esta a debater non é si a portavocía de En Marea é unipersoal ou coral, senón fundamentalmente si a portavocía de En Marea esta dentro da marea ou imos seguir aturando portavoces externos e de parte diante dunha ausencia de liderado interno.

[4] A NOVA POLÍTICA E AS CLOACAS DOS PARTIDOS

Resulta irónico ver como os últimos pasos no proceso de degradación que están a vivir os partidos da ‘nova’ política teñen que ver con problemas coa configuración das chamadas Comisións de Garantías. (será a comedia que prosigue a traxedia?)

Alguén debería facerlles ver aos seus dirixentes, aínda que de seguro que xa o saben, que anteriormente os vellos partidos tiveron precisamente como un dos últimos capítulos da súa dexeneración e posterior desafección cidadá cousas que tiñan que ver coas interpretacións estatutarias e con asuntos de ‘importantísimo’ calado político como a composición das Comisión de Garantías.

Calquera sabe que os estatutos son unicamente fonte de atención cando a política ten desaparecido do debate e que a Comisión de Garantías, creada inicialmente para velar polos dereitos da afiliación cando son vulnerados ou interpretar unha norma confusa, convértense no elemento central de conflitos (nas cloacas da política) cando a perda de confianza xa é irrecuperable e cando se aveciñan tempos de conflitos entre partes incapaces de resolver as contradicións que a acción política ten situado enriba da mesa.

Cando iso pasa, como xa pasou noutros momentos e noutros partidos, o proxecto esta en vía morta e tarde ou cedo a fractura entre sectores en litixio é inevitable. Poderiamos afirmar que o interese existente por resolver como se compón unha comisión de garantías é inversamente proporcional ao desinterese pola política.

A lei de partidos obriga a ter un mecanismo de mediación e resolución de conflitos. Moitos novos partidos teñen resolto este asunto creando a figura do Valedor da Afiliada ou trasladando a un mecanismo de mediación político as función que antano resolvían as Comisións de Garantías.

Pero existe outra formula que pode evitar tensións na súa configuración e evitar a polarización de grupos con intereses de parte, asegurando así a súa ‘neutralidade’.
Nas democracias modernas existe xa un número importante de participación pública, de carácter cívico, que se resolve mediante sorteo. Son tarefas onde non existen decisións políticas que tomar senón actuacións técnicas ou interpretativas derivadas de fontes legais compartidas e que calquera persoas maior de idade e con asesoramento legal pode exercer.

Así, as mesas electorais ou os xurados populares configúranse por sorteo e ninguén pon en dubida a súa imparcialidade e o seu bo facer. Do mesmo xeito poderíase facer nos partidos. Que a Comisión de Garantías se elixira por sorteo de entre a súa afiliación, exceptuando aquelas persoas que pola súa responsabilidade orgánica ou institucional, puideran ter interese de parte.

Esta podería ser unha solución para que a Comisión de Garantías deixara de ser un elemento de pugna política. Sen dubida axudaría a sanear democraticamente unha organización, pero non nos equivoquemos as contradicións políticas se resolven no campo da política e/ou non se resolven.

[5] QUE FACER?

A construción dun proxecto plural para a maioría so é posible desde o recoñecemento da pluralidade como unha riqueza non como unha anomalía, onde os códigos éticos non son proclamas benintencionadas senón manuais de aplicación práctica, onde o proxecto nacional non é a suma do polo nacionalista e federalista senón a construción democrática de un pobo desde a súa aceptación cívica colectiva, onde a radicalidade democrática non é unha consigna de moda senón unha practica indisoluble da nova política. Onde, en fin, a ética non so esta por riba da política senón que é a clave de bóveda da mesma.

Sei que na actualidade, cando parece que o vello se impón ao novo, moitas queremos seguir confiando aínda que En Marea acabe sendo o que definimos no seu acto constituinte en xullo pasado. Ese optimismo da vontade plásmase en moitas mareantes e activistas que só están aquí porque queren estar, sen máis, porque lles peta e lles da gaña, a pesar dos atrancos.

Moitas sabemos que En Marea non ten o seu máximo inimigo nos medios do sistema nin nas forzas da dereita senón que esta acazapado dentro. No burócrata partidario que fai contas arredor do seu interese corporativo, no cargo institucional que se esquece do porqué da súa función, no fundamentalista que pensa que o que opina diferente non merece ter os dereitos de participación.

O episodio de cambio sigue aberto é a xanela de oportunidade entreaberta, pero ollo os episodios de contenda política se gañan e tamén se perden, mesmo as veces saíndose en peores condicións de como se entrou.

Sen abordar un cambio epistemolóxico, ontolóxico e metodolóxico non hai nova política por moito que se reciten ‘relatos’ con novo léxico. Quizais a esquerda debería aprender algo do tan evidente esgotado modelo da transición pero que tantos elementos de creatividade política deixou, tal como nos recorda McAdam, Tarrow e Tilly nos seus estudios acerca dela.

_______________________________________________________________________

Artigo publicado en Galicia Confidencial e en OBenComún http://obencomun.gal/2017/02/11/apuntes-urxentes-sobre-primeira-crise-da-nova-politica/