A contenda pola nova democracia continúa despois das autonómicas

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

baixada de persiana

 Xoán Hermida

Pasados xa uns días desde as eleccións autonómicas e tras achegarme a diferentes interpretacións, na maioría dos casos descontextualizadas do período de ‘cambio de orde’ no que estamos inmersos, observo entre atónito e perplexo como a moitas das voces so intentan sacar rédito político de parte dun análise que por forza é complexo, aínda que para iso asuman o relato dominante que nos venden os medios empresariais de comunicación.

Existen nestas eleccións dous vencedores, PP e En Marea, e dous grandes derrotados (co permiso de Ciudadanos), PSOE e BNG.

Entre os vencedores e derrotados existen, non obstante, disfuncións con respecto á concreción do novo status que lle corresponde xogar a partir de agora a cada quen.

 

Así, o PP vence facendo coincidir vitoria electoral e hexemonía cultural namentres que En Marea vence retrocedendo electoralmente froito da perda da posición dominante á hora de marcar a axenda que tiña hai nove meses.

Pola contra, o PSOE sae derrotado electoralmente na fase previa dunha crise terminal da socialdemocracia, namentres que a perda constante e lenta de apoios electorais do BNG son maquillados por unha sorte de dinámicas comparativas que xa a situaban mesmo como forza extraparlamentaria.

En todo caso á hora de analizar os resultados quero pararme nunha serie de elementos que teñen conexión entre si pero que para facilitar o seu análise deben ser abordados desde tres parámetros diferenciados:

-       o parámetro do contexto político e o texto aplicable ao mesmo;

-       o parámetro da dignidade do voto e a categorización da cidadanía;

-       o parámetro sobre o propio ou o papel de En Marea e das outras forzas políticas

  1. O parámetro do contexto político e o texto aplicable ao mesmo

Non deberiamos esquecer que as eleccións autonómicas do pasado 25 de setembro danse no marco dun contexto de ‘cambio de orde’ que afecta tamén a estrutura de interfaces representativos.

De feito si é o 15M o que abre simbolicamente o período ‘constituínte’ foi en Galicia, concretamente nas anteriores eleccións autonómicas do 2012, onde se reflicte por vez primeira un movemento electoral que move a estrutura de partidos que permanecía inalterable desde a desaparición da UCD e a configuración na estrutura bipartidaria PP-PSOE e que no caso de Galicia tiña no BNG un terceiro actor político que concentrara todo o voto do espazo nacionalista e de esquerda desde a absorción a finais do oitenta do PSG-EG.

Tratábase pois de unhas autonómicas cun comportamento propio (despois volveremos sobre este aspecto), pero que esta moi influído por esta dinámica de cambio con punto de arranque ‘espiritual’ no 15M pero con materialización practica por vez primeira no proxecto de AGE no 2012.

Temos observado nestes catro anos, e nestas eleccións volvese a confirmar, como en diversos e diferentes procesos electorais tense asentado unha franxa dun 20% de votantes do ‘novo tempo’, de votantes de ruptura democrática que teñen moito que ver coa desafección dunha parte importante da poboación co modelo saído da transición e que observan en aspectos sociais, culturais, éticos e democráticos síntomas claros de esgotamento.

Unha franxa de poboación que afecta fundamentalmente aos sectores xa nacidos en democracia (tal como sinala o sociólogo Jaime Miquel) e aos votantes do que tradicionalmente identificouse como esquerda pero que tamén entra timidamente en outras franxas de idade e en sectores non necesariamente definidos como esquerda. De feito da capacidade que teñan as novas forzas de ruptura democrática de seducir a sectores hoxe aínda preocupados pola estabilidade e a orde que lle ofrece os partidos do bipartidismo máis rápido se producira un avance cara ao novo ‘momento constituínte’.

No caso de Galicia, ao igual que no resto das nacións periféricas do estado, esta franxa de votantes tamén ten que ver coa dicotomía dentro do debate na esquerda entre PSOE-Novas Formacións Políticas da España nacional versus España plurinacional.

Lembrar que é a mediados do 2013 cando os inqueritos publicados xa apuntaban a un sorpasso de AGE ao PSdG e uns niveis de voto do 18% para a coalición de esquerdas. Pronósticos que víronse afectados pola crise de interpretación que sufriu AGE a finais de 2013. A pesar diso en maio de 2014 cando irrompe o fenómeno Podemos en todo o estado cun 7,97% xa se observa que o espazo de cambio democrático en Galicia é máis amplo.

Nesas eleccións europeas e a pesar do desgaste de AGE no ano previo o voto que poderiamos definir como voto de ruptura democrática non so non se estanca senón que sube ata o 18,86% ( suma en Galicia de AGEe -10,52%- e Podemos -8,34%-), e ademais o fai fronte a un PSdG que non so baixa senón sube lixeiramente con respecto as autonómicas (21,73%) e un BNG que a pesar de non ser unhas eleccións nas que non soen ser as mellores para o nacionalismo retrocede soamente dous puntos porcentuais (7,90%).

Cabe lembrar chegados a este punto que tres son as principais demandas do 15M: radicalidade democrática (“chámanlle democracia e non o é”), rexeneración ética (“non nos representan”) e reformismo social (“somos os de abaixo contra os de arriba”).

A primeira demanda ten que ver co carácter máis utópico do ‘quincemaismo’, o que o liga ao movemento ‘setentaoitista’ ou o ‘altermundismo’. É por iso a que ten máis potencialidade canalizadora e a maior forza simbólica, pero son as outras dúas demandas as que van permitir a materialización política práctica. As que sitúan combinademente os dous parámetros fundamentais nos que se vai situar a intervención política: anticorrupción e xustiza social. E é aí onde o programa e o relato vólvense centrais para mobilizar ao electorado e construír unha hexemonía social alternativa ao bipartidismo.

A ilusión coa que Podemos e En Marea mobilizan e ilusionan ao electorado en decembro, ata o punto de superar con creces a franxa do 20%, non se pode entender sen a combinación de ambos elementos. Corrupción e perda de dereitos sociais vai ligado a unha proposta programática rexeneracionista e rupturista que ten no centro do relato a ‘casta’.

A partir de decembro o relato cambia e a unidade popular vai sendo substituída polo relato do fronte de esquerda ata o punto que nas eleccións de xuño (segunda volta) a proposta xira na súa totalidade arredor da política de alianzas co PSOE.

É nese tempo que vai de decembro a xuño onde se perde unha parte do electorado, que se desactiva da proposta das forzas do cambio e onde se perde a ilusión existente na primeira volta das xerais.

Ata agora o feito de que en España non contemos con unha dereita homologable á do resto de Europa ten sido un elemento fundamental para que moita xente do campo liberal mesmo optara polo PSOE como forza electoral durante o período democrático actual; pero tras os casos de corrupción xeneralizada que imputan por vez primeira a un partido e a constatación de que practicamente toda actual dirección do PP esta, por activa ou pasiva, relacionada cos casos de corrupción, crean a idea amplamente compartida pola cidadanía que a permanencia de Mariano Rajoy na Moncloa non é soamente un problema social senón que tamén é fundamentalmente un problema que ten que ver coa calidade da política e coa democracia en si.

E aí é onde esta o primeiro erro das forzas do cambio: non situar o desaloxo de Rajoy da Moncloa como un obxectivo electoral. Esquecendo de que non é posible rexenerar a democracia senón existe unha nova dereita.

O segundo erro, xa reproducido hai dúas décadas, ten que ver coa forma de relacionarse coa outra forza da esquerda e a diferenza entre pacto de goberno e/ou investidura.

Tal como comentaba máis arriba, desde decembro ata xullo foise deixando de lado o discurso da unidade popular para recuperar o discurso do fronte de esquerdas. E nese discurso, por factores culturais e mediaticos o PSOE sempre gaña.

Así, en lugar de investir a Pedro Sánchez presidente co obxectivo político de desaloxar a Rajoy formulouse un obxectivo de goberno de coalición imposible pola falla de interese das oligarquías políticas do PSOE e polo rexeitamento das oligarquías económicas das grandes corporacións financeiras.

So quedaba esperar para ver de que lado caería a culpa da falla de entendemento na esquerda. Era previsible que desa situación de bloqueo saíra beneficiado a dereita e que o castigo electoral, neste caso, estivera repartida a partes iguais entre as forzas da esquerda. Como así foi.

Con este panorama as eleccións galegas empezáronse a perder para a esquerda en xaneiro e Feijoo empezounas a gañar en xullo.

Coa proximidade das autonómicas a En Marea so lle quedaba unha solución que viñera de fora (un posible pero improbable pacto PSOE-Podemos) ou un movemento que desde dentro tivera a forza electoral para indicarlle ao electorado que En Marea ia actuar como forza nacional como política autónoma propia diferenciada dos seus aliados.

Algo intentou Luís Villares en campaña ao sinalar o erro de Podemos por non desaloxar a Rajoy e ao indicar que nin por activa nin por pasiva En Marea ía deixar gobernar a Feijoo. Pero este compromiso era insuficiente e chegaba tarde: o electorado xa estaba desactivado.

O BNG entendeu e incidiu por ese flanco advertindo que “eles nunca deixarían gobernar a dereita como fixo Podemos”. Quizais unha actitude decidida do grupo parlamentar de En Marea no congreso ofrecendo en campaña os votos dos seus cinco deputados para a investidura de Pedro Sánchez terían un efecto de reconciliación cunha parte do electorado máis rexeneracionista e por outra con outra parte que quería comprobar que o carácter nacional de En Marea non so se proclama senón que tamén se exerce.

  1. O parámetro da dignidade do voto e a categorización da cidadanía

O modelo democrático español de preponderancia dos partidos sobre calquera outra consideración de representatividade ten consagrado un formato na que os partidos teñen actuado como garantes pero a súa vez como refén da vontade popular.

Os niveis estruturais de corrupción nos partidos (PSOE, CiU, PP, mesmo IU en Madrid) teñen amosado ata que punto as oligarquías internas consolídanse arredor de docilidades internas e negocios externos.

Neste punto o 15M volveu a sinalar este déficit democrático que ten que ver coa necesidade clara de ensanchar a democracia en base a propostas de republicanismo cívico.

As forzas políticas teñen actuado neste período democrático máis como clubs privados en mans de accionistas que como interfaces de representación de cidadanía informada e formada.

E nesta ‘cultura’ democrática onde hai que procurar atopar os elementos de desprezo dos dirixentes políticos pola opinión da xente e da rúa.

Quizais cabería lembrar que o voto non é de ninguén, nin que existen mellores ou peores cidadáns á hora de expresar nas urnas a súa opinión.

A hora de exercer o voto con seguridade que existen tres condicionantes claros que teñen que ver con: os intereses propios ligados á realidade de cada quen, á visión política e a criba ideolóxica do votante e a percepción que da mellor ou peor opción para a salvagarda do ben común ten cada elector.

No primeiro caso, por suposto que existe unha estrutura de voto, analizada en numerosos estudios sobre comportamentos electorais en base a idade, profesión, estudos, entorno de residencia, etc, pero iso non explica os trasvases de votos nin moito menos un estereotipo cada vez máis cuestionable.

Un dos máis reiterados e cansinos ten que ver coa franxa de idade do electorado. Xa hai vinte anos Fraga gañaba polos de máis de 60 e hoxe Feijoo segue gañando polos de máis de 60 a pesar de que os que agora teñen 60 tiñan 40 no tempo de Fraga e eran a ‘xeración do cambio’. Calquera persoa que hoxe ten entre 60 e 80 anos tocoulle vivir a transición na súa época xuvenil e leva practicamente a maior parte da súa vida adulta participando da democracia en canto a mecanismo de participación e representación.

En canto á criba ideolóxica e como este condiciona a forma de entender a política esta claro que vivimos en Europa en xeral unha corrente de fondo neoconservadora que nalgunhas zonas é máis intensa é que ten que ver coa hexemonía cultural da dereita e cos mecanismos de condicionantes mediaticos que interactuan.

Iso non quere dicir que existan sociedades conservadoras ou progresistas, senón sociedades conformadas politicamente sobre as que se interactua politicamente.

Por suposto que algúns medios actuaron para derrubar o bipartito, con seguridade que actuaron para frear a esquerda. Pero o bipartito caeu polas propias contradicións da súa xestión de goberno e a súa relación coa base social dos partidos que o sustentaban e a esquerda non goberna hoxe Galicia fundamentalmente pola súa incapacidade para ofrecer unha alternativa de goberno crible.

A esquerda faría mellor que poñer desculpas de mal perdedor, diante dunha condicións desvantaxosas que coñece e acepta de antemán, de traballar o campo da hexemonía cultural para que as ferramentas de creación de opinión non sempre estean desequilibradas cara ao mesmo lado.

Debería interesar por que por vez primeira haxa un descenso de utilización das redes sociais en España e habería que ver si isto ten que ver co grao de cansanzo político que se percibe. Debería preocupar que a información dixital antes maioritariamente alternativa hoxe estea basculando cara a opcións máis conservadoras. Debería ocupar que nas últimas eleccións as redes sociais estiveran dominadas polo PP.

En canto a percepción que o elector ten sobre quen salvagarda mellor o ben común ten que ver co debate público e niso a dereita foi quen de introducir a incertidume dun cambio co-comandado por varios fronte a estabilidade dos últimos anos. E iso ademais de coa campaña debería facer reflexionar ás forzas do cambio sobre a estratexia parlamentar levada adiante durante a lexislatura previa.

As forzas do cambio deberían preocuparse por dignificar o voto da xente, respectando a súa elección, tratando como cidadáns informados e maduros e non seguir utilizando ferramentas como o mailing postal, que ademais de estar en dubida a súa eficacia, axuda a asentar a idea dun pobo manipulado e manipulable.

  1. O parámetro sobre o propio ou o papel de En Marea e das outras forzas políticas

Unha vez observado que os niveis de participación/abstención ou de voto nulo e branco non distan con respecto a outras eleccións autonómicas deberiamos centrarnos nos resultados das forzas políticas e os seus avances ou retrocesos con respecto fundamentalmente as anteriores autonómicas, pero sen perder de vista serie completa dos últimos 20 anos e tendo en conta que o 2012 xa tiveron o efecto de quebra de estrutura partidaria que no resto do estado adiouse ata as pasadas eleccións xerais.

O Partido Popular, o gran triunfador das eleccións do 25S, segue a manter niveis de voto de arredor do 50% nunha eleccións autonómicas aínda que sen chegar aos niveis de porcentaxe acadados por Fraga a finais da década dos noventa e de inicios de século. O feito de que en poucos meses o PP teña este resultado (47,65%) ten que ver sen dubida pola mellor imaxe que Feijoo ten sobre Rajoy entre os seus electores. Máis aló, que un partido de ámbito estatal consiga os seus maiores niveis de votación nunhas autonómicas na serie continuada de dúas décadas, sen que as outras forzas sexan capaces de entrar no seu espazo electoral apunta a que electoralmente o PP comportase como o verdadeiro partido ‘nacional’ articulador e vertebrador do país.

cadro autonomicas

O PSdG-PSOE, o gran derrotado da xornada electoral, co 17,88% volve como a finais da década dos noventa a ocupar a terceira posición pero neste caso dous puntos por debaixo do resultado do 97, marcado pola profunda crise post-felipista e seguramente cun dos peores candidatos presentado por unha forza parlamentaria á presidencia da Xunta de Galicia en todo o período autonomista.

Se observamos a serie continuada das autonómicas a evolución do voto do PSdG vai parello á situación do PSOE a nivel de estado, recuperándose na época do goberno de Zapatero, pero a dimensión da derrota en porcentaxes de votos e escanos non pode entenderse sen a implosión que días despois ten ocorrido no PSOE. Si ben a crise de finais dos 90 tiña que ver cun proceso de recomposición tras o goberno de anos no estado e pola sucesión do liderado estatal, a actual é unha crise estrutural que coincide coa crise de esgotamento do modelo socialdemócrata europea.

O BNG é sen dubida o partido cunha tendencia máis clara e constante, caracterizada por un descenso lento pero imparable na serie histórica das dúas últimas décadas con unha perda de aproximadamente dous puntos por elección (se exceptuamos no momento de irrupción dun novo interface na estrutura de partidos con AGE que entonces foi de seis puntos) que o fixo evoluir desde ser un partido de grande transversalidade ata o punto de terse achegado a converterse nun proxecto nacional (25,11% no 1997) a un partido de ‘espazo-ideolóxico’ que se move nas porcentaxes que en calquera pais ten a vella esquerda (8,36% no 2016). (Ver gráfica 1)

Gráfica 1. Galicia

A sensación de ‘éxito’ é soamente un ‘efecto-espellismo’ froito da circunstancia que as autonómicas celebráranse posteriormente a unhas xerais onde o BNG xa deixou de competir e dunhas enquisas que xa teñen dificultade para concretar un resultado nuns niveis tan baixos.

O fracaso do BNG percíbese con claridade na provincia de Pontevedra onde perde o escano con respecto ás anteriores autonómicas.

Si ben a caída global é de preto de 1,75 puntos (do 10,11% ao 8,36%) na provincia de Pontevedra a caída duplicase ata 2,88 puntos (do 11,87% ao 8,99%).

Se observamos a evolución nas 5 cidades máis grandes da provincia esta tendencia mesmo medra: Cangas menos 4,31 puntos (do 15,27% ao 10,96%), Vilagarcía menos 2,22 puntos (do 9,76% ao 7,54%), Redondela menos 3,17 puntos (do 11,17% ao 8%). Especial atención a Vigo onde a presenza do BNG empeza a ser residual cunha baixada de 3,28 puntos (do 9,69% ao 6,41%) e no caso de Pontevedra, gobernada polo BNG, onde cae 3,72 puntos (do 18,65% ao 14,93%).

É moi difícil acertar si o BNG acabara sendo unha forza extraparlamentaria na cámara do Hórreo ou non, dependera da capacidade dos seus dirixentes por asentarse no novo e reducido espazo, o que si esta claro que estará ausente das institucións españolas e europeas e que aquí non pasara de xogar un papel menor.

En Marea concorría por vez primeira a unha eleccións autonómicas e o facía estreando ferramenta (partido instrumental), tras uns meses de debate convulso e tendo o seu candidato, Luís Villares, que substituír a un líder histórico da talla inmensa de Xosé Manuel Beiras.

O resultado (19,06%) é nese senso magnifico. Supera en cinco puntos (5,15% antes de contabilizar o voto exterior) o seu antecesor: AGE.

O seu candidato, Luís Villares, convertese no líder da oposición, cun sorpasso claro sobre o PSdG-PSOE que queda relegada a terceira forza, na súa primeira cita electoral, soamente superado por Xosé Manuel Beiras na súa cuarta cita coas urnas.

Si ben é certo que o fai perdendo preto de 140.000 votos desde decembro pero como xa esta argumentado na primeira parte deste artigo de seguro que esa perda ten que ver con electores que se ilusionaron co discurso do cambio e agora se quedaron na casa diante do bloqueo político no que estamos (non busquemos arredor, PSOE e BNG perden votos e escanos). Non é fácil convencer a xente de que queres botar a Feijoo e non das botado a Rajoy. É moi difícil de entender polo electorado galego do cambio que ‘o señor dos hilillos’ siga, tras nove meses e sen maioría, na Moncloa.

Moitas son as interrogantes formuladas sobre En Marea a raíz dos resultados electorais. As máis importantes derivadas da tardía incorporación de Podemos ao proceso de confluencia, as súas reticencias sobre o partido instrumental e sobre todo algunhas voces periféricas pero con certa influencia sobre os resultados que tería Podemos no caso de concorrer en solitario.

Partindo desta última cuestión. Hoxe temos elementos de xuízo para valorar o resultado de En Marea con relación a isto. As eleccións vascas e galegas pechan o ciclo de eleccións autonómicas desenvoltas ao longo de 2015/2016. Salvo o caso de Catalunya (onde Podemos se presentou na confluencia CSQP pero sen a implicación de En Común) soamente en Galicia, Podemos apostou por unha formula de confluencia. O resultado para as forzas do cambio non pode ser mellor xa que en porcentaxes de voto En Marea obtén comparativamente o segundo mellor resultado despois do de Aragón e isto tendo en conta que no caso aragonés celebráronse as eleccións autonómicas no momento de auxe da formación morada. (Ver gráfica 2)

Gráfica 2. autonomicas

Outra cuestión é si Podemos vai máis aló da retórica plurinacional e asume que o proxecto político e o partido non teñen que coincidir na súa formulación e que delegar a representación do cambio en forzas irmáns como En Marea, En Comù ou Compromis supón un plus para o proceso constituínte (que terá por forza que abordar a plurinacionalidade do estado). O debate ten a súa importancia para saber si os membros de Podemos permanecen no proxecto de En Marea ou si pola contra En Marea sigue o seu camiño propio (sen Podemos) como proxecto nacional e a súa vez en alianza estable con Podemos como forza vertebradora do cambio no estado.

Nese camiño de construción de partido nacional as forzas de AGE e as Mareas Municipalistas deberían ter moito intereses en avanzar.

En Marea debería abordar con decisión a folla de ruta aprobada pola asemblea constituínte, asumir o papel de líder da oposición e respaldar sen fisuras ao magnífico líder político que se revelou Luís Villares, rematando así a instalación do ‘software’ de Mareas en Común no ‘hardware’ de En Marea.

A nula presenza das mareas na composición do grupo parlamentar pode ser nese senso un hándicap polo que os membros de partidos, subpartidos e correntes de partidos, que conviven no novo espazo deberían facer un esforzo xeneroso de ‘desarme’ unilateral evitándonos ter que soportar de novo un espectáculo como o de AGE.

En Marea necesita asentar o espazo en base a unha acción decidida de compromiso claro coa xente e proxectando a clara decisión de construír un proxecto político único e unha acción programática alternativa.

______________________________________________________

Artigo publicado en

Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/38578-contenda-pola-nova-democracia-continua-despois-autonomicas-i e  http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/38579-contenda-pola-nova-democracia-continua-despois-autonomicas-ii

OBenComún  http://obencomun.gal/2016/10/07/contenda-pola-nova-democracia-continua-despois-das-autonomicas/