Vellos partidos, notables caducos e cidadanismo low cost

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Crise Mona Lisa

 

Xoán Hermida

Nunha diagnose hai algo peor que equivocarse nas causas, consecuencias e síntomas; isto é, situar cada un deles no sitio equivocado. E si erramos na diagnose con toda seguridade imos a errar na solución.

A causa ten que ver cos motivos que provocan unha crise (como agudización das contradicións no senso social) e o seu posterior desenvolvemento. As consecuencias, pola contra, teñen que ver co resultado de como esa(s) causa(s) evolucionan a partir da interacción de diferentes suxeitos económicos, sociais e políticos que actúan na realidade a partir de diferentes intereses materiais e variadas interpretacións teóricas. Os síntomas son as pistas sobre as que podemos observar as diferentes etapas nas que se desenvolve o episodio de crise-cambio.

Hai máis de un que pensan que a causa da situación actual é a crise da esquerda (ligada á hexemonía neoliberal trala caída do muro de Berlín) ou a división do nacionalismo (ligada á ruptura de Amio), e a partir de ai formulan un país sen iniciativa política, e con necesidade de restablecer os principios que hexemonizaron a esquerda galega durante a o período que se esgota e recompoñer a unidade do nacionalismo perdida.

Creo que unha diagnose máis ligada á teoría de movementos e a unha percepción dialéctica de base materialista, levaríanos a percibir que as causas son, combinativamente, o esgotamento do réxime (incluídas as forzas que xogaron o papel de oposición institucional durante o mesmo) e unha crise económica e social global que sitúa en Europa o centro da contenda coa deconstrución da Europa social para transformarse, a partir da estrutura financeiro-monetaria deseñada en Maastrich-Lisboa.

A partir desas causas, ábrese unha xanela de oportunidades que os movementos sociais e unha parte da esquerda teñen concretado primeiro nun repertorio de contenda e posteriormente en espazos, por agora so electorais, de ruptura.

En todo ese proceso, Nunca Máis e o 15M son síntomas, e como tal hai que tomalos.

O primeiro, ao que algúns temos definido como o fito constituínte do novo Sistema de Movementos Sociais Galegos, sinala a orfandade social, tendo a forza de abrir un proceso de madurez e traballo en rede que ten ido modificando as pautas de interpretación política da sociedade galega desde unha vertebración acotada en compartimentos ideoloxicistas a unha interpretación simbólica autoreferenciada desde parámetros cívicos.

O segundo, o 15M, marca o punto de partida simbólico da deconstrución do réxime que se empeza a concretar nunha desafección forte dos sectores sociais máis dinámicos e que fai saltar polos aires a estrutura de representación dos últimos 40 anos e aboca a unha rexeneración de elites.

É neste marco global onde xurde os procesos de aparición de novas formulacións políticas (AGE, Podemos, Mareas) dos que xa teño escrito reiteradamente.

E aínda que AGE é pioneira en acertar coa diagnose non é capaz de levar ata as súas últimas consecuencias nin a necesaria reorientación paradigmática, apuntando unha nova formulación sustentada na unidade democrático (nos de abaixo) e non no ideolóxico (fora este o nacionalismo ou a esquerda); nin a reorientación participativa, apostando por unha estrutura de decisión participada (propia da posmodernidade) en lugar dunha estrutura xerarquizada (propia da modernidade).

Vai ser o xurdimento de Podemos o que obriga as outras forzas políticas a resituarse no escenario á vez que exerce de catapulta de empoderamento social a sectores da sociedade desconectados da intervención política.

As Mareas son, nese senso, a expresión desa acumulación de forzas necesarias, experimentada no ámbito municipal, que indica por onde e como se pode construír un movemento político de cambio e o seu bloque social de acompañamento.

Nese contexto, nese fío condutor, é onde debemos situar as expectativas no plano electoral e as esixencias no plano político; diferenciando a construción dunha hipotética alternativa popular e democrática (Marea Galega) da proposta electoral concreta en cada unha das eleccións.

A construción dunha alternativa popular e democrática abordase desde a fixación dunha estratexia entre os partidos da esquerda rupturista, as mareas municipalistas, e a cidadanía. Pola contra, a concreción dunha candidatura electoral de unidade popular abordase desde a fixación de prioridades en función da convocatoria da que se trate.

A primeira pasa necesariamente por un proceso de dialogo, coñecemento, entendemento; namentres que o segundo sustentase nun irremediable proceso de negociación entre as partes que conflúen. Unha responde a razóns estratéxicas, a outra, a razóns de oportunidade electoral.

Reducir a tal ou cal convocatoria electoral a construción da Marea Galega en lugar de ser entendida está, complementariamente, como proposta política e bloque político-social para o cambio, introduce de facto tacticismo e tensións ocasionadas por intereses de parte, non sempre visibles.

Ter presente este fío condutor vai ser clave para impedir que a concreción da oferta electoral entre en contradicións co proxecto político estratéxico de superación do réxime. O ciclo político aberto nunhas eleccións municipais (15M, 2011) adquiren a súa translación institucional noutras (Mareas, 2015). A plasmación da primeira candidatura que abre a estrutura de partidos prodúcese nunhas autonómicas (AGE, 2012) e previsiblemente nas seguintes, de ai o horizonte temporal nunhas novas autonómicas (2016), precedidas dunhas xerais centrais ‘constituíntes’.

Por iso, converter cuestións técnico-xurídicas, solventables en calquera mesa de negociación de partes, en cuestións de principios irrenunciables so é posible si se perde de vista os obxectivos centrais ou se substitúen por intereses de parte debidamente aderezados.

Cara as próximas eleccións xerais é máis que pertinente situar como prioridade política ter o grupo parlamentar galego, que nunca se tivo desde as primeiras eleccións de 1977, pero non como un apriorismo ideolóxico senón como a expresión dunha necesidade política. A necesidade dun nome común, que alonxe a idea de suma de siglas, é importante, pero converter a presenza do nome na papeleta do partido vertebrador da alternativa electoral no estado, o guión ou a posición dos termos da papeleta, nunha afrenta, máis cando era unha practica xeneraliza de todolos partidos ata que apareceu Podemos, parece unha irresponsabilidade. Aseverar que é na esquerda, e non na democracia, onde se afirman as hexemonías non deixa de ser un debate teórico interesante toda vez que na practica, durante 40 anos ningunha forza foi quen de arrebatarlle ao PSOE á hexemonía no campo electoral da esquerda.

En todo caso todas esas necesidades non deberan facernos esquecer a urxencia: construír unha alternativa conxunta de cambio que teña capacidade de disputar ás elites do réxime a hexemonía social e a maioría electoral.

Adentármonos nun terreo igual de difícil que esperanzador. Para isto vai ser necesario avanzar no novo tempo político sorteando, á vez, os aparatos dos vellos partidos, os 'notables’ caducos, e unha certa tendencia voluntarista dun cidadanismo low cost.

Se é un perigo a tendencia á endogamia dos partidos, non é menor a dos notables é a súa propensión a pensarse un grupo de elixidos sen os cales o pobo non sabe cara a onde vai.

Pero hai un perigo novo, o xurdimento de grupos de autonomeados cidadáns, con escasa capacidade de influencia social e incidencia electoral, que en lugar de facilitar a construción dun espazo compartido, crense na autoridade de converterse en novos espazos estruturados e pechados, que poden derivar, no mellor dos casos, en novas plataformas de negociación ou no peor dos casos nun espazo electoral que teña un resultado insuficiente para ter resultados pero suficientes para acaparar un puñado de votos que se volven decisivos na disputa electoral para derrotar o bipartidismo e algo máis (disto temos exemplos varios nas municipais).

En todo caso temos xa suficiente experiencia, acumulada nestes últimos anos, para saber discernir o fundamental do accesorio á hora de fixar cales son os suxeitos imprescindibles, as metodoloxías inclusivas e as formular gañadoras.

E de paso para non deixarnos enganar por salvadores da patria.

___________________________________________________________

Artigo publicado en Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/25482-vellos-partidos-notables-caducos-cidadanismo-low-cost

Ver tamén  Os partidos políticos e a unidade popular