De primarias e microgolpes de estado

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

democracia real

 

Xoán Hermida                             

"Todo o poder para os Soviets"

As primarias abertas á cidadanía non son só unha ferramenta máis da nova política, son a liña divisoria entre a esquerda corporativa a esquerda libre, son o núcleo central (o kernel) da nova democracia.

As primarias son ademais o conector que permitirá a esquerda construír unha hexemonía social, para posteriormente unha electoral, ao facilitar a relación respectuosa cos movementos sociais en tanto en canto sociedade autoorganizada e abrir a porta ás novas axendas fronte as axendas marcadas polo sistema (e seguidas pola esquerda corporativa).

Sen primarias non so seguirían os aparatos impoñendo os seus candidatos e candidatas senón que seria imposible incorporar as novas axendas a unha esquerda presa dos seus particulares dogmas e animada pola vocación supervivencial e non transformadora.

As primarias son unha ferramenta para democratizar a política. Pero para iso necesita de aprendizaxe, de cultura cooperativa, de buscar os consensos necesarios para que elección se faga en termos de proposta política e non de competición de egos. Tamén poñendo nun plano secundarios os intereses de parte. En suma de madurez democrática.

Hai dous principios básicos para que as mesmas funcionen: poñer unhas regras de xogo aceptables e aceptadas (non cuestionalas en función do resultado) e aceptar o resultado aínda que non sexa o que nos créramos adecuado.

Obviamente non se pode construír consensos entre proxectos antagónicos e por iso é necesario delimitar con anterioridade os marcos da confluencia. Nin que dicir ten que eses marcos deben ser por necesidade marcos de unidade das organizacións políticas e sociais enfrontadas á concentración monopolista da economía e ao secuestro da política por eses oligopolios.

Por suposto que as primarias abertas teñen espazos para a introdución de intereses de parte ou do discurso dominante, pero é nesas contradicións onde a esquerda pode recuperar a capacidade intelectual colectiva perdida hai decenios.

A súa deturpación por defecto (endogamismo partidario) ou por exceso (desideoloxización programática) son problemas que obviamente necesitan ser resoltos pero non invalidan o valor das mesmas. Nese contexto algúns casos son microgolpes de estado contra a cidadanía pero como en calquera golpe de estado o inimigo son os golpistas e non a democracia.

En todo caso estamos aprendendo. Ninguén dixo que o camiño da radicalidade democrática era un camiño fácil, pero a democracia é hoxe o elemento máis incompatible co capitalismo global e o valor máis seguro para construír unha nova sociedade.