A esquerda é o único construtor que tropeza dúas veces coa mesma pedra

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Mafalda 2

Xoán Hermida

Coa caída do muro de Berlín, data simbólica do inicio da globalización, agudizouse a crise na que xa estaba inmersa a esquerda, tanto a de cultura socialdemócrata como a de cultura comunista, desactivándoa como alternativa.

A desaparición nas nosas sociedades, froito do desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de deslocalización, da concentración en grandes centros de traballo de miles de traballadores volatiliza a súa conciencia de clase e dificulta a súa organización sindical.

A sociedade post-fordista (e da información en rede) ten construído unha estrutura de clases moito máis ecléctica, cunhas necesidades vitais novas condicionadas pola sociedade de consumo por unha banda e de novas demandas no campo psicoafectivo de outra, e cuns niveis de transversalidade máis forte.

Esta nova estrutura, non significa que se invalide a contenda política entre clases e sectores senón que a mesma pasa a ter un maior grado de complexidade e un formateo diferente.

A realidade de monopolio económico por parte das grandes corporacións, a degradación das condicións de vida de sectores da pequena burguesía ou de empobrecemento masivo nos países do Sur ou nas periferias do Norte teñen construído un espazo para a coincidencia de intereses de amplos sectores sociais antes imposible (“somos o 99% fronte ao 1%”).

No ontolóxico o novo paradigma sitúa á cidadanía no seu concepto amplo como actor do cambio, a diferenza da vella esquerda que o sigue situando na clase obreira (e máis aló no proletariado como subsector) ou o nacionalismo que o sitúa no pobo (entendida a nación como un ente abstracto sen intereses confrontados).

Os partidos ou propostas políticas nacidas ao calor do novo tempo (Equo, Espazo Ecosocialista, Anova, Podemos,…) teñen coincidido na reflexión de cambiar o foco a propósito do suxeito político de cambio (suxeito revolucionario).

Pero ademais de corrixir o paradigma no ontolóxico, a vertebración dun novo construtor (imprescindible para que exista unha nova esquerda) vai ter que vir necesariamente acompañado dunha revisión a fondo dos paradigmas no epistemolóxico (ademais do metodolóxico) que require unha nova construción desde unha realidade complexa e tridimensional - democrática, social e nacional – nun tempo de ruptura onde a coordenada democrática convertese no eixe central.

Acertan, e conectan electoralmente nun primeiro momento, cun sector amplo da poboación as ‘novas’ ofertas políticas (AGE, Podemos) que poñen o acento na coordenada democrática por riba das outras dúas: a ideolóxica e a identitaria.

Pero o acerto electoral converterase pronto en fracaso, e o que é peor en frustración, e nunha derrota estratéxica senón se aborda a nova epistemoloxía desde tres niveis centrais:

  • O da radicalidade política, fronte o reformismo estratéxico e radicalidade ideolóxica. Non é posible construír novos paradigmas desde propostas esgotadas, sexa esta a socialdemocracia ou o comunismo. Non se trata de non ter un programa electoral de reforma que permita avanzar a proposta de cambio, senón de situar o programa de cambio en lugar de un elemento táctico nun elemento estratéxico, acabando simplemente na xestión do sistema. Obviamente isto non implica renunciar ao ideario (a ideoloxía non morreu) senón de non situalo por riba da proposta política e convertelo nunha proposta litúrxica inservible.
  • O das relacións coa sociedade civil como elemento de impulso para o cambio. O cambio sustentase no músculo social, na autoorganización cidadá. A chegada ao goberno de calquera destas propostas sen estar acompañadas por un movemento cidadá autónomo e forte esta condenado ao fracaso. A construción é desde o movemento cara ao interface e non ao revés. A tutelase partidaria que practicou a vella esquerda e o nacionalismo non pode ser substituído polo ‘partido totalista’, substitutivo da sociedade, pois os resultados serian igual de nefastos.
  • O da diferenciación entre partido e proxecto. A desaparición do partido vangarda ou dirixista (leninista) leva consigo a necesidade de entender o proxecto de cambio coma un proxecto compartido (composto por diversos axentes políticos e sociais) e cooperativo (conformado desde a pluralidade cívica). Esta incapacidade de entender a política como cooperación é máis acentuada no seu fracaso cando ademais existe un estado plurinacional como é o caso español e onde os axentes periféricos e a estrutura partidaria é diversa nos diferentes entes nacionais.

Ao inicio do episodio constituínte que estamos a vivir (aberto simbolicamente no 15M) existían tres grandes consensos no marco das novas reflexións que a esquerda social e a parte máis lúcida de política estaba a ter:

  • a asunción da construción dunha alternativa anticapitalista, entendendo o esgotamento do modelo socialdemócrata de xestión;
  • a claridade da necesidade de construír instrumentos partidarios híbridos ao servizo dos movementos sociais que relegar o interface político a unha ferramenta;
  • a conciencia de introducir mecanismos de participación directa que impediran o secuestro das decisións por elites e aseguraran o control democrático dos procesos.

Tres anos despois, eses consensos non se teñen trasladado á praxe política e empezan a estar cuestionados, con múltiples escusas, no argumentario do día a día.

Existe un risco real, xa constatado en AGE e en Podemos, de que as novísimas esquerdas envellezan rapidamente e reproduzan en breve tempo os erros que á vella esquerda levoulle anos incubar.

Necesitamos audacia e xenerosidade para non facer fracasar a oportunidade de cambio que se abre diante de nós, pero igualmente necesitamos non desandar no aprendizaxe dun pensamento crítico que tanto nos custou reivindicar. O debate de ideas lonxe de debilitar a alternativa é o único que a pode protexer de dinámicas curtopracistas e das lóxicas de poder.

Debemos impedir que se asente nas bases do cambio unha cultura acritica e xustificativa máis propia de grupos de seareiros que co tempo tería un efecto aínda máis negativo que o dogmatismo dominante que acompañou a esquerda desde o seu nacemento.