A propósito da xira de presentación do libro '[Re] Construír a esquerda nacional'

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

presentacion libro cronopios

Levamos unha década encontrándonos nas prazas e nas rúas, nas redes formais e nas informais, no Nunca Máis, no GNSV e no FSGal.

Xuntounos o levantamento alterglobalización de Seattle e o espírito democrático do 15M.

Compartimos ideas e pensamentos desde as páxinas de Vieiros, Altermundo e Praza Pública. Mesturámonos en procesos cooperativos e colaborativos. Participamos dos movementos sociais.

Construímos unha nova tribo galega. Queremos vivir nunha sociedade de homes e mulleres libres en harmonía coa natureza. Non renunciamos ao dereito a decidir o noso destino colectivo. Buscamos a xustiza global con outras tribos doutros lugares do planeta.

Estamos aquí en pé e non imos desandar o camiño emprendido hai uns anos. Cremos en novos paradigmas e levantamos a mirada en busca de novos horizontes.

Somos os comanches, na versión épica dos derrotados con dignidade; ou comancheros, na versión romántica dos que como recorda Manuel M. Barreiro, o noso Vázquez Montalbán patrio: ‘nas pelis do oeste que poñían no cine pulguitas en Vigo eran os máis piores de todos. Unha banda de mexicanos, brancos renegados, indios e foraxidos dedicados ao tráfico de cousas prohibidas. Mestizos, fóra das marxes, incómodos. Bechos que combinaban mal coa orde e outras purezas. Arraianos entre Novo México e Texas, neste caso’.

Concordo con David Rodríguez que o libro de cabeceira de todo bo comanchero debería ser a bibliografía de Xerónimo que escribiu  o noso filosofo común, Manuel Sacristán.

Comanches ou comancheiros, ecosocialistas ou neocomunistas, soberanistas ou altermundistas, pertencemos a  tribos naufragas e polo tanto superviventes.

Como o eran Armando, Guillermo, Vilma, ... aqueles mozos revolucionarios sandinistas  que na metade da década dos 80 deixaban as aldeas para subir a combater nas montañas e eran despedidos coa canción ‘Pueblo mio’ de Jose Feliciano.

http://www.goear.com/listen/36e5dfe/pueblo-mio-jose-feliciano

Máis non deberiamos confundirnos: o feito de que o vello paradigma estea esgotado e que as enerxías secuestradas durante moito tempo foran liberadas non indica que esteamos nun proceso de avance da esquerda, vivimos polo contrario aínda na fase de dominio da dereita e así imos seguir durante algún tempo (máis se nos empeñamos en repetir os mesmos erros que ciclicamente cometemos desde 1875).

Na esquerda persisten dous tipos de persoas: as empíricas, adicadas a crear novas ideas, conceptos, linguaxes, propostas, mesmo a costa de arriscarse a ser mal vistos polos seus contemporáneos; e as escolásticas, propias das academias, reais ou non, encargadas de fixar, enmarcar e categorizar o pensamento dos outros e a maioría das veces a dogmatizar o mesmo.

Manuel Martínez Barreiro (coautor do libro), Manoel Santos, Antón Sánchez García, Bernardo Lorenzo Cuétara, Xosé Manuel Pazos Varela, Julio Des Diz, Modesta Regueira Núñez, Hector Silveiro, Ica López Del Prado e outra boa xente que nos acompañou na presentación do libro ‘[Re] Construír a esquerda nacional’ son dos primeiros.

Como tamén o son persoas da Nova Cultura Política como Martiño Noriega ou Yolanda Díaz, liderados claros no presente e referentes seguros para o futuro.

Nunca pensei que ía ser case un mes, empezando en Santiago e rematando en Ribadeo, de xornadas tan intensas e reconfortantes.

Grazas aos lectores que rematachedes a edición da obra e as máis de duascentas persoas que viñechedes a departir con nos.

Non imos renunciar a nada do que nos prometeron. O futuro é dos nosos.