Necesitamos máis esquerda renovadora para saír do ‘Cul de Sac’

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

welcome-callejon-sin-salida

 

Xoán Hermida

Cando se viven tempos nos que hai que reivindicar o obvio, que difícil resulta introducir ademais modernas formas de pensamento, novas linguaxes e novos xeitos de facer política.

Pois ben, cando estabamos algúns na procura de novos horizontes para o século XXI, as ideoloxías do século XIX e as formas de actuar da primeira metade do século pasado entraron como un bulebule e ten toda a pinta de que non están dispostas a marchar de boa gaña.

Así que conviría volver a repasar algúns dos erros que nos levaron aquí e recordar algunha que outra obviedade para poder avanzar.

Primeira obviedade

Somos cidadáns e nos autoorganizados ou non en partidos, colectivos, grupos sociais, clubs de lectura ou no que nos pete. Unímonos con outros e outras pola proximidade de obxectivos e por que construímos unha misión conxunta.

É en base a iso, e non as metodoloxías, ao que construímos ou non espazos comúns.

Cando os espazos comúns son moi comúns nos organizamos de xeito individual interpares (caso dos partidos), cando o común é de carácter estratéxico, de obxectivos pero non de misión, o facemos buscando formulas unitarias pero plurais (caso de federación de partidos ou cooperativas políticas). Se os obxectivos e a misión non coinciden pero necesitas sumarte con outros para defender algo que esta sendo atacado, como neste caso o ben común ou Galicia, entón buscamos formulas conxunturais (coalición ou alianzas electorais).

O caso é buscar os instrumentos ao servizo da política e non poñer a política ao servizo dos instrumentos.

 

Segunda obviedade

A xente se autoorganiza seguindo formulacións de ideas que logo teñen plasmación nunha proposta programática e nunha política de alianzas.

Obviamente o debate cultural de ideas debe ser dialéctico, non ideoloxicista, de xeito que permita construír espazos comúns a pesar das posibles diferenzas, de xeito que os instrumentos que constrúas poidan ser hexemónicos e vertebrar a amplos espazos sociais.

A construción dunha hexemonía de cambio, nas pautas democráticas e nos intereses comúns, necesitan de proxectos re/interpretados desde a esquerda.

Tratase de construír un espazo da esquerda renovadora, capaz de integrar a sectores socias progresistas non de esquerdas, diferente pois ao esencialismo dogmático ou ao monoclasismo corporativista.

Nesa construción da hexemonía, o carácter nacional é a pedra angular para a súa vertebración, por iso non ten sentido propoñer que o social (ou o eixo esquerda-dereita ) está por riba do eixo nacional, nin propoñer o contrario, senón entender que so é posible vertebrar un programa de cambio social desde unha perspectiva nacional.

Por iso eu non son nacionalista (no senso ideolóxico) senón galeguista (no senso político) como expresión maioritaria dun proceso de cambio e de construción do autogoberno do meu país.

Nesa liña, o galeguismo político non pode ser entendido como un disolvente nin da esquerda nin do nacionalismo. O galeguismo político é a expresión da cultura nacional e republicana que permite encontrarse no mesmo proxecto a xentes de esquerda e xente non de esquerda que defende nos intereses do país e das súas xentes.

Terceira obviedade

Tódolos proxectos teñen unha dimensión poliédrica onde interactuan elementos horizontais e verticais, liderados persoais e liderados corais, corporativismos constructivistas e permeabilidade social. Todos estas dimensións necesarias e complementarias.

O cuestionamento que o 15M fai da democracia baseada na ditadura dos partidos non se solventa coa construción endogámica formal ‘desde abaixo’, senón coa apertura real a novos sectores sociais ata o momento non interpelados e mesmo excluídos.

Un proceso constituinte é poliédrico, desde o momento que interactuan colectivos e grupos preexistentes con intereses de parte.

Así pois o que debe deixar claro a política de participación do século XXI é a vontade da cooperación política, o asentamento na realidade local das decisións centrais e na participación externa na elección das candidaturas por medio de primarias ou formular similares que impidan que os partidos sexan clubs privados onde unha minoría, os afiliados e as afiliadas, deciden por milleiros de electores que depositan nesa organización a súa confianza.

Saída

Hoxe existen varios niveis de unidade e converxencia posibles froito da amplitude de intereses compartidos ou non.

Existe un primeiro nivel de interese, cando menos pola miña parte e de outros, na construción dun partido da esquerda nacional renovadora, nivel hoxe dificultado pola atomización e dispersión das xentes, que sendo a maioría no galeguismo, sitúanse neste espectro. Hai xentes da esquerda renovadora en CxG (en Espazo Ecosocialista, + Galiza e mesmo nunha boa parte de AGA), no NPC (EI, FOGA), no BNG (Abrente) e mesmo nalgúns outros espazos non nacionalistas coma EU ou Equo.

Un segundo nivel é a necesaria construción dunha cooperativa estratéxica, en formato legal de federación de partidos, do galeguismo político de carácter transformador (binomio CxG-NPC).

Un terceiro nivel de alianza electoral ou de acordos post-electorais, segundo sexa o momento, con outros espazos necesarios para desprazar á dereita política e aos oligopolios, nomeadamente PSdG, BNG e alianzas máis ala de Galicia con outros colectivos de esquerdas e proxectos nacionais doutros lugares do estado.

Asistimos a un quebracabezas de reconstrución complicado. Os tres niveis son igual de importantes, pero os tres indefectiblemente pasan pola unidade partidaria da esquerda nacional renovadora si queremos saír da especie de ‘cul de sac’ no que por momentos nos queren meter os sectores extremistas.

 

Podese ler tamén en Praza Pública http://praza.com/opinion/383/necesitamos-mais-esquerda-renovadora-para-sair-do-lcul-de-sacr/