[Re]pensar a democracia

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

[Re]Pensar a democracia; VV.AA. OBenComún, Setembro 2017

Licencia de Creative Commons  Licenza Creative Commons

DL: C1015-2017 |  ISBN: 978-84-697-4104-7

Capa Repensar a esquerda

Ver o artigo de Xoan Hermida para o libro "[Re]pensar a democracia" pdfProceso constituinte e nova democracia

 Capítulos e autoras: 

Filosofía da democracia - Juan Carlos Fernández Naveiro 

Proceso constituínte e nova democracia - Xoán Hermida González 

Rescatar a democracia desde os concellos do cambio - Laia Ortiz Castellví e Sergio de Maya García

Todo o trabalho é produtivo: economias de abundância e da sobriedade - Teresa Cunha

Os movementos veciñais e o dereito á cidade nunha democracia participativa - Luís Villares Naveira

     Transitamos cara a unha nova democracia ou, se se quere, unha nova conceptualización da democracia. Facémolo desde o ámbito local, no que o 15M sinalou claramente que camiñabamos sobre un modelo político esgotado hai tempo. E tamén no global, xa que o contrato social  da modernidade, como ben observou o profesor Sousa Santos, xa hai tempo que vén deixando fóra a un importante continxente social cada día máis amplo.

Falar de democracia consiste en remitirnos ao tempo que nos tocou vivir, un tempo de incertezas, de máis interrogantes que de respostas, pero, quizais por iso mesmo, unha época necesariamente máis democrática na proposición das mesmas. Falar da crise da democracia remite á crise paradigmática, á necesidade de construír o novo contrato social da posmodernidade.

Este libro, pensado para achegar reflexións sobre a democracia, a radicalidade e os seus límites, xestouse cara a finais de 2015. Nese momento viviamos o entusiasmo que producía a comprobación práctica de que o movemento cidadanista impulsaba plataformas de cambio real nun momento político que situaba o factor democrático no centro da súa construción paradigmática, dándolle máis preponderancia ao eixo arriba/abaixo, centrando a axenda política na rexeneración dun modelo atrapado na lama da corrupción e valorando a radicalidade democrática diante doutros aspectos agora máis secundarios.

Viñemos ata aquí, a este tempo, a través dun chamamento soberano para construír un novo país e unha nova democracia, non un novo espazo corporativo. Chegamos aquí, a este tempo, nun chamamento cidadá para construír un espazo común que superase as dinámicas de partido. Viñemos aquí, a este tempo, a través dun chamamento fraternal para construír un movemento de cambio no que non sobraba ninguén, e no que mesmo faltaba aínda moita xente. Chegamos aquí convocadospolo 15M, e a mensaxe era clara: o modelo está esgotado (queremos unha nova democracia que si nos represente) e os interfaces da antiga política non nos interpelan. Formulen novas epistemoloxías, categorías, metodoloxías…

Quizais a cuestión democrática pasa por repensar todo, pola necesidade de recuperar o mellor da filosofía da praxe e darlle ao activismo osíxeno teórico. Con total seguridade, tal como afirma Fernández Naveiro, os primeiros liberais non foron precisamente demócratas entusiastas e foi a esquerda en xeral, e o marxismo nun primeiro momento, quen obrigou a incorporar estándares máis esixentes ás democracias. Pero tamén coa mesma seguridade, os herdeiros da esquerda política arrombaron con posterioridade os ideais democráticos e deixaron de crer na necesidade de coidar os seus mecanismos básicos, sen os cales non é posible avanzar en democracias máis avanzadas.

Quizais a excesiva proliferación de adxectivos amosa unha desconfianza polo substantivo, reticencia que necesariamente cómpre superar.