E si Amarante non existira

Fai algo máis de 10 anos na terraza do xa desaparecido cafe-bar Savoy de Pontevedra, Xosé Cuns, Xaime Leiro, Marta Tenreiro, Guillermo F. Obanza, Xulio López, Pablo Cons, Pepa Vázquez e máis eu, reuniámonos para impulsar un proxecto galego solidario e ecoloxista que a proposta de Pablo se chamaría igual que a vila portuguesa.

Nestes 10 anos, oito como director voluntario [1] e os dous últimos en diferentes tarefas coma profesional, tiven momentos de preguntarme se en realidade tiña sentido todo o esforzo posto para poñer en marcha o proxecto de Amarante, mesmo se tiña sentido a propia existencia de Amarante en si.

Nestes últimos días de profesional e xa nunha etapa na que a miña vinculación ao proxecto vai ser voluntaria e dando un paso atrás da primeira liña, volvín a pensar nesa interrogante.

E como James Stewart no filme de Frank CapraIt's a Wonderful Life” tiven que facer un esforzo – sen anxo da garda que me acompañara – para respostar a esta interrogante e sobre todo tamén para facer balance deste período tan intenso.

Ler máis...

A xeración Mimosa

Fai algún tempo alguén falou da xeración CAF para lembrar a toda aquela xente que na década dos oitenta tivemos a ocasión e participar naquel proxecto tan interesante como contradictorio que se chamaban Comités Abertos de Facultade (a E de escolas viría despois) e que supuña unha renovación xeracional na esquerda galega.

Eu prefiro recordala como xeración Mimosa, porque ese era o seu símbolo, a pesar de que, tal como nos recordaban algúns membros da corte da rosa, esta era de importación australiana e polo tanto pouco patriótica. En todo caso aqueles que temos unha visión plural da nación entendemos que na súa biodiversidade tamén teñen acollida especies orixinarias doutras partes namentres non sexan destructivas coma o eucalipto.

Ler máis...

A perestroika e Kiva Maidanik

Cando en outono de 1.987 propuseronme formar parte dunha delegación do PC a asistir durante varios meses a un curso de formación na Escola do Comité Central do Partido Comunista de Checoslovaquia non o dubidei nin un instante.

Levaba dous anos no PC e desde finais do 85 a chegada á secretaria xeral do PCUS de Mijail Gorvachov era seguida con detenimento por algúns mozos comunistas que veiamos naquel experimento chamado perestroika a posibilidade de reinventar o socialismo incorporando todo aquelo que o modelo staliniano borrara da revolución de Outubro. Era como se na revolución francesa despois de Napoleón volvera Marat. Lenin e Bujarín terian unha segunda oportunidade.

Seguiamos con moita atención e lecturas todo o que nos chegaba de Moscu. O informe ao XXVII Congreso do PCUS de febreiro de 1986 onde empezou a renovación e o informe do pleno do Comité Central do 27 e 28 de xaneiro de 1987 onde por primeira vez se situaron as contradiccións do modelo soviético.

Eu mesmo antes de partir para Praha escribin o meu primeiro artigo xornalístico que apostaba pola perestroika como esperanza de construción dun novo socialismo. Hai que dicir que aquel artigo xa me creou unha fama de renovador entre algúns e de “revisionista” entre outros. Non obstante as ideas viñan de Moscu e se chegou a publicar no boletín AVANTE do PCPG, ainda que cunha nota que aclaratoria de que se trataba de opinións persoais do autor. (1)

Ler máis...

Primeiros apuntes

Davinci

 

Tocando o ceo

Durante algún tempo toquei o inferno. É unha situación que non a desexo nin o meu peor inimigo.

Agora, tras un longo período de 14 anos de reflexión e de busqueda, tamén de actuación, toco o ceo coas miñas máns.

Grazas a psicoloxía conductista-cognitiva á que me aficionei durante a época escura, intento escapar dos pensamentos negativos que me din: isto é transitorio e coma nunha especie de "teoría pendular" maoísta os malos tempos volveran.

Malos tempos vainos a haber. Estou seguro !

Pero tamén estou seguro que o meu estado de "felicidade" si se lle pode chamar así non esta baseado en aspectos materiais nin en estados, frecuentes na maioría dos nosos concidadáns, de suspensión da conciencia. Basease nun camiño de busca da coherencia persoal, de librarse de cargas pesadas,... e de volver, en termos vivenciais á época da inocencia.

Recuperados os principios iniciais. Actualizados os postulados.

Aquí estou. Convencido coma di o libro do Tao de que "o camiño que se pode andar non é o verdadeiro camiño".

Listo para andar na busqueda da sabiduría.

Non hai folla de ruta,... pero están claras as liñas que non se deben cruzar.

 Axuste de contas co pasado

Desde que hai cinco anos comecei a colaborar co xornal electrónico Vieiros sempre me pareceron ‘simpáticas’ as falsidades, medias verdades e algunha que outra fantasiosa invención sobre a miña biografía. Nunca me interesou o máis mínimo respostar a tales esaxeracións, entre outras cousas porque o interese estaba no artigo e non no articulista.

 Asistimos hai uns dias ao aniversario da caída do muro de Berlín e o que Fidel Castro chamou o “desmerengamento” do bloque soviético.

Diante deste acontecemento central para o futuro da esquerda, comunista ou non, algúns decidimos tomarnos un período de reflexión e rectificación que nos levou as veces a erros ( como apoiar á coalición PSdG/EU-EG/Os Verdes ) pero co tempo a (re)orientar a loita antisistemica desde os mesmos principios aínda que desde novos postulados.

Outros só viron conspiracións, non aprenderon nada, e pensan que todo o que lle ocorreu a esquerda foi froito da malévola intervención de Mihail Gorvachov e uns cuantos ‘traidores’.

En fin, ala eles!  Eu gardo bo recordo da miña militancia no PCPG e despois en EU-EG, manteño bos amigos e amigas ( mesmo camaradas ) neses espazos e co tempo observo que un dos problemas que ten a esquerda política e social para volver a vertebrarse é o escaso nivel cultural e a falla de respecto a discrepancia.

En todo caso para aclarar algunha cuestión ou axustar contas co pasado tamén está esta web.

Información adicional