Desandar todo o camiño para coller a senda verde
Xoán Hermida
Un dos mitos sobre os que se asenta a realidade de Podemos, o outro que é a expresión partidaria do 15M, é que nunca unha forza fóra da dicotomía conservadores-socialdemócratas fora quen de ter unha proxección electoral tan forte no contexto europeo. A realidade é que o PCI e o PSUC ao inicio dos 80, o BNG a finais da década dos 90, Syriza en Grecia hai cinco anos ou actualmente varias forzas verdes amosan que as 'excepcionalidades' son máis frecuentes do que parece.
Todas estas experiencias teñen en común ter sido capaces, en diferentes momentos e contextos, de ir máis alá do seu espazo ideolóxico para abordar iso que os clásicos definían como proxecto nacional de clase, transcendendo aos intereses corporativos de orixe e formularse con niveis de transversalidade electoral amplos.
Un proxecto nacional cunha proposta para un estado [en tránsito]
Xoán Hermida
O estado (español) asiste a un episodio de tránsito (con características constituíntes) atravesado por un esgotamento do seu modelo político e un violentamento do seu armazón xurídico que indica con claridade unha crise democrática de gran calado e difícil resolución.
Esta é unha realidade que algunhas das forzas políticas progresistas esquecen con moita frecuencia, asentadas en análises e estratexias máis propias dunha contenda clásica asentada nun predominante eixo esquerda-dereita propia dunha realidade de estabilidade institucional. O máis curioso do caso é que entre esas forzas políticas algunhas mesmo naceron á calor da orfandade de representatividade que medraba arredor da crise democrática.
Asistimos a unhas eleccións xerais anticipadas que apuntan á apertura dunha etapa distinta no marco dese episodio de tránsito. Etapa que polos erros da esquerda, en xeral, e das forzas do cambio, en particular, todo apunta que vai estar dominada por forzas involucionistas (na formulación política) e reaccionarias (nas propostas programáticas).
A encrucillada do labirinto [*]
[*] Crónica e notas da xira de presentación de ‘Galicia no labirinto da nova política’
Xoán Hermida
O tempo político quixo que a xira de presentación do libro ‘Galicia no labirinto da nova política’ coincidira nun momento no que o debate do urxente volveu superar o debate do importante; pero un non elixe as circunstancias que rodean o análise social, nin este se dá nun laboratorio illado.
Estamos nun episodio de múltiples cambios: históricos que afectan ao esgotamento dun modelo democrático e a procura doutro, sociolóxicos que inciden nos modelos de representatividade e as transformacións no mesmo, politolóxicos que afectan ao paradigma sobre o que se vertebrou a acción social e institucional nas últimas décadas.
Un episodio que por forza vai ser longo e complexo pero que, en todo caso, non pode eludir o debate concretos dos acontecementos que rodean o día a día.
Estamos diante dun novo Amio?
Xoán Hermida
Estes días, con maior ou menor argumentación, tense comparado o plenario de EnMarea do pasado sábado 27 de outubro coa asemblea do BNG de xaneiro de 2012.
É verdade que as similitudes nalgúns aspectos entre ambos acontecementos non deixa de ser chamativa, mesmo na presenza dalgúns dos seus actores principais, pero máis aló destas coincidencias calquera parecido é, como din nos filmes que recrean acontecementos reais, pura coincidencia.
O BNG chegaba á cita de Amio cun modelo esgotado tras unha longa traxectoria e despois de non saber xestionar a derrota tras o seu paso polo goberno. Pola contra EnMarea é un espazo, inzado de multiples contradicións pero cun percorrido aínda breve.
As alturas do xaneiro de 2012, poucos meses despois do 15M, aparecía con claridade a necesidade dunha nova interpretación epistemolóxica da representación política e unha nova dimensión ontolóxica que precisaba de modelos máis amplos e abertos. Hoxe esa nova dimensión paradigmática segue a ser a mesma que inauguraron as mareas municipalistas e a asemblea constituínte de Vigo para a construción dun proxecto nacional democrática de cerne cidadanista.