O federalismo morreu. E a democracia ?

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

CIMG2677

 

Xoán Hermida

Son dos que ten defendido durante anos a proposta federalista (asimétrica) como formula que servira para avanzar no autogoberno das nacións que compoñen a realidade do Estado Español e a súa vez preservar os niveis de redistribución da riqueza e do benestar social.

Solución federal ou confederal, xa que en lexislación comparada moitas veces a diferenza non esta no nivel de autogoberno do que esta se dota senón na orixe do propio proceso: se vai desde o centralismo cara á descentralización ou viceversa.

Alguén poderá dicir, con razón, que o modelo autonómico na súa lectura máis aberta conten rascos federalizantes, pero do mesmo xeito terá que aceptarse que o modelo saído da transición choca e fai augas en dous aspectos fundamentais:

O primeiro é que para ser federal (ou confederal) debería partir da residencialización da soberanía nas nacións e non no estado, nas partes e non no todo, e estas froito dun acordo federal cederían aquelas funcións lexislativas ou executivas que considerasen;

O segundo, ligado co primeiro, concernente en definir quen son os entres que se federan. E aquí o modelo saído da transición é puro artificio. Non son as nacións do estado as que conforman a estrutura territorial do mesmo, senón tamén unha cantidade de rexións administrativas herdadas dun modelo territorial do franquismo, superposto ao modelo provincialista decimonónico.

Así que sería moi difícil a día de hoxe decidir quen se federa e como, coa conseguinte problemática de retirar as competencias actuais a rexións que non formaran parte deste proceso federal constituinte, que non teñen conciencia de colectivo nacional pero que non estarían dispostos a devolver competencias hoxe adquiridas.

A posibilidade federal morreu desde o momento que a forza chamada a liderar esa bandeira, o PSOE, non o fixo e pactou coa dereita os termos xurídicos e políticos dun estado neocentralista e uniformizador durante o breve goberno de Calvo Sotelo e os primeiros anos dos gobernos de Felipe González (todo iso tendo o fantasma do golpismo como elemento disuasivo para aqueles que reclamaban máis descentralización).

Foi o único dirixente realmente federalista, Pascual Maragall, quen convenceu ao PSOE da posibilidade da senda federal vía reforma estatutaria, e foi precisamente a frustración causada polos recortes á modificación do Estatut de Catalunya, os que enterraron de vez a vía federalista coma solución de vertebración para un Estado Español plural.

Chegados a este punto a única solución pasa por apostas soberanistas que teñan modelos de cooperación política desde a existencia de mecanismos de estado propio.

 

Iso é a independencia? Si, iso é a independencia pero entendendo que o modelo ‘estado-nación’ xurdido a finais do século XVIII e inicios do século XIX entraron en crise e que vivimos nun mundo global onde existen interseccións económicas e políticas que fan inviable un modelo de estado independente como o de hai medio século.

Debemos partir da soberanía cívica, da soberanía colectiva como persoas que se expresa en soberanías estratéxicas sexan estas enerxética, alimentar, cultural,… para conformar espazos de co-soberania, tal como xa apuntaba o coñecido como ‘plano Ibarretxe’ no seu día.

A crise esta sendo unha escusa para que a dereita lance un discurso ideolóxico recentralizador, ocultando que a débeda fundamental é privada e que a pública concentrase fundamentalmente no estado e nos concellos. Cabe recordar que os países rescatados ou por rescatar como Grecia, Portugal, Irlanda ou Italia non son precisamente estados descentralizados senón todo o contrario. A súa crise, igual que a nosa, non ten que ver co modelo político administrativo territorial senón cun modelo económico baseado na dependencia oligopólica e no capital especulativo.

Cada vez parece máis evidente que a crise non é soamente económica, senón tamén política, e sitúa con forza o fin dun ciclo. O esgotamento de armazón xurídico-político xurdido na transición e que estivo tutelado por forzas ‘fácticas’ moi poderosas que impediron ir mais aló.

Agora toca ir máis aló. Como federalista convencido creo que a solución vai ser outra xa que o tempo da España federal esgotouse ao tempo que desaparecía o tripartito catalán.

Desexemos que os españois estean preparados para darlle a benvida ao novos estados catalán e vasco de xeito civilizado, pois niso xóganse (xogámonos) tamén a calidade da súa (nosa) futura democracia.

Polos comportamentos que nos últimos días están a ter os nosos gobernantes todo parece indicar que queren converter un problema político nun problema de orde público.

Nestes días que tanto se recorda o espírito da transición a dereita parecese cada día máis ao chamado ‘bunker’ do réxime. Para mal non se albiscan forzas reformistas nun goberno que cada día parecese máis a un réxime.

 

Podese ler tamén en Praza Pública http://praza.com/opinion/574/o-federalismo-morreu-e-a-democracia/