Notas sobre un mundo en cambio sen permiso de Europa. Do 7 de outubro ao 15 de novembro

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

eua-china 2

 

Xoán Hermida

O 7 de outubro o grupo terrorista e sectario Hamás causaba o horror en territorio israelí (no 50 aniversario da invasión árabe durante o Yom Kipur).

Tratábase dunha manobra calculada para forzar unha dura resposta do goberno de Israel que provocaría, segundo os cálculos dos instigadores desde Teherán, a unión dos países árabes arredor da causa palestina, sacaría do illamento ao réxime de Irán e dinamitaría as dinámicas de achegamento dos países árabes a Israel (acordos de Abraham).

A reacción de Israel, como cabía esperar, foi contundente. O que non foi tan contundente foi a posición dos países árabes (mesmo no caso de Iran parece que a poboación civil farta da represión do réxime atopa na causa de Israel un motivo de respiro).

A realidade desde os 70 e 80 a hoxe ten mudado tanto, e de forma tan inversamente proporcional, como pouco ten mudado a capacidade de análise da esquerda occidental.

Algúns dos analistas 'oficiais' do reino non tardaron nin horas en falar da máis que probable extensión do conflito e o inicio da III Guerra Mundial (nada novo, imos polo terceiro inicio despois das profecías tras o atentado das Torres Xemelgas ou da resposta das democracias á invasión de Ucraína). Por certo son os mesmos que aseguraron que Kiiv non ía aguantar días ao exercito ruso.

Case dous meses despois dos atentados, e co exercito israelí en plena Gaza City os apoios a Palestina só se reduce a réximes teocrático-fascistas como Iran ou Siria ou aos da cándida estupidez da esquerda radical occidental.

Os países árabes xa non queren saber nada do tema (por non querer nin queren asumir a súa obrigada responsabilidade humanitaria cos posibles desprazados do conflito).

A súa vez, e en paralelo, o pasado mércores 15 de novembro reuníronse os máximos mandatarios norteamericano e chinés, no que o propio Joe Bidem cualificou como “unha das reunións entre presidentes máis produtivas da historia”.

A duración pouco habitual da xuntanza - máis de 4 horas - e a pouca información sobre o tratado nela, máis aló dalgunha filtración interesada, fai pensar que na mesma tratáronse temas de carácter estratéxico e que dela puido saír -co tempo saberémolo - as regras dunha nova orde mundial. Nunha especie de previa - como o acordo secreto asinado nun anaco de papel entre Churchill e Stalin a finais de 1944 - para unha nova Conferencia de Yalta do século XXI.

A xuntanza Joe Bidem - Xi Jimping en San Francisco non mereceu interese por parte da prensa e da opinión pública europea.

E namentres China e USA definen os limites dun novo mundo, - tamén os xeográficos en Oriente Próximo, o Pacifico e a fronteira europea - os lideres europeos seguen ensimesmados nas súas peores tradicións nacionalistas - o ideal de cooperación posto en marcha coa pandemia e a invasión de Rusia a Ucraína lonxe de asentarse todo apunta a que foi puro espellismo -.

E que dicir da esquerda que transita, desde a caída do muro de Berlín, cara a súa desaparición conceptual. Pouca cousa. Segue presa dun infantil 'antiimperialismo ianqui' herdado da guerra fría e dunha incapacidade reflexiva máis alo de imaxinarios simbólicos cada dia máis cuestionables.

+ información complementaria axunto este interesante artigo:

https://www.elconfidencial.com/mundo/2023-11-20/guerra-gaza-no-enfurece-tanto-paises-arabes_3776638/