Eu son soberanista ... e agora que?

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Movilizacin en Francia

 

Xoán Hermida

Eu non son nacionalista. Son soberanista (entendida a mesma como a que afecta á cidadanía nas súas liberdades individuais e colectivas nacionais ) ou galeguista (aínda que o termo foi deturpado normalmente como amortiguador de posicións claras no eido nacional ou como disolvente da esquerda).

Debe ser por iso que debates sobre ‘a unidade do nacionalismo’ parécenme tan fora de axenda e aburridos como un debate sobre a grande coalición patriótica defendida por Bono ou Trillo, ou un sobre a unidade das relixións monoteístas.

De xeito recorrente, ponse como exemplo Euskadi e Catalunya de forza do nacionalismo pero se oculta conscientemente que nun caso como noutro existen diversas forzas nacionais, dúas no caso de Euskadi (PNV e Amaiur) e catro no caso de Catalunya (CiU, ERC, ICV e CUP; deixemos en corentena ao PSC), como é lóxico en función das súas diversas visións sociais (iso que na literatura clásica chamábase ‘loita de crases’).

Nas últimas semanas, o BNG ten posto nun primeiro plano o soberanismo como elemento central para recuperar a iniciativa política perdida no campo da esquerda.

 

Tal como, e sobre todo cando, se formula esta aposta, todo parece apuntar que en realidade non estamos diante dun xiro estratéxico profundo senón máis ben diante dunha táctica para ver si se despista e divide á competencia. En realidade estariamos diante dun remaquer da versión clásica da dicotomía nacionalismo versus españolismo con que acadou tanto éxito durante as últimas dúas décadas do século pasado.

Pero o BNG equivocase, unha vez máis, porque a sociedade galega de inicios do século XXI ten moi pouco que ver coa sociedade galega de finais do século XX, a situación política mudou e o fraguismo e a estrutura política deribada del desmoronouse, e a situación económico-social ten situado enriba das mesas antigas contradicións relegadas e novas contradicións emerxentes.

E ademais, equivocase ao pensar que ten un problema con AGE en lugar de coa sociedade que nos últimos dez anos lle ten ido dando as costas.

Non obstante, creo que AGE cometería un grande error se refutara do debate, mesmo sabendo que se trata dun debate trampa, confiando de que está fora de axenda ou no calculo da súa inconveniencia porque puidera facer aflorar posibles contradicións internas.

O grande acerto de AGE foi precisamente conectar coa sociedade ao ofrecerlle algo diferente sobre o novo paradigma da esquerda transformadora no que a antiga dicotomía nacionalismo/españolismo superase arredor dun proxecto político nacional.

A esquerda debe saber ler a realidade na súa complexidade en base a tres eixes complementarios e igualmente importantes: o social sobre as coordenadas esquerda e dereita, o nacional relacionado coas coordenadas autogoberno e dependencia, e o democrático configurado sobre as coordenadas arriba e abaixo; tomando partido claro nun dos polos das tres coordenadas e desde o local ata o global.

Abordamos unha crise sistémica global, unha reconstrución do modelo europeo sobre os piares do neoliberalismo e un proceso de esgotamento do modelo constituínte español; que requiren de alianzas políticas e electorais pivotadas sobre un programa democrático, construído desde a esquerda sobre o noso substrato nacional.

Alianzas nas que as forzas políticas teñen que avanzar nos seus parámetros de comprensión da realidade, comezando por IU que debe pasar do seu federalismo teórico a un federalismo efectivo que lle permita construír a esquerda desde unha pluralidade compartida na que ademais os seus únicos socios posibles son proxectos soberanistas sexa ICV en Catalunya, a Chunta en Aragón ou Anova e Espazo en Galicia. Namentres as forzas nacionalistas da esquerda non poden querer vertebrar alianzas coa esquerda grega ou portuguesa e non poder facelo con forzas de ámbito estatal con presenza en Galicia.

Nese senso o soberanismo ten que interpretarse non como un elemento de afirmación ideolóxica estéril senón como un elemento máis de radicalidade democrática e de aglutinador cívico das persoas fronte aos oligopolios, e polo tanto como un elemento central da nova esquerda.

Nada que ver co vello nacionalismo ideoloxicista ben sexa na súa versión populista de ‘esquerdas’ xa coñecida ou ben na súa versión social-liberal por coñecer aquí e de lamentable actualidade noutras nacións do estado.