Diante á dúbida sempre apostar pola vida
- Detalles
- Publicado o Luns, 17 Xaneiro 2022 01:57
Artigo publicado en Praza Pública
O aniversario da disolución da Unión Soviética coincidiu cunha potente vaga de protestas na illa de Cuba. Repasando os medios con liña editorial progresista atopei un bo número de artigos dedicados ao primeiro acontecemento; lóxico. Sobre o segundo tema, un silencio incomodo; menos lóxico a estas alturas.
A década dos noventa iniciárase co fin do proceso de 'desmerengamento' – un neoloxismo acuñado por Fidel Castro – do bloque comunista do leste. Naqueles anos visitou Galicia Carlos Tablaba, o seu libro 'El pensamiento económico del Che Guevara' converteuno nun dos economistas de referencia daquel momento. Nas múltiples conversas daqueles días afloraban as contradicións dun tempo de tránsito.
O 92 foi unha festa en España. Barcelona, Sevilla, Madrid. Olimpíadas, Expo e Capital Cultural. Pero si houbo un acontecemento que concitou o consenso social foi o que transcorreu aquel verano en Galicia. Por obra e gracia de Manuel Fraga e Fidel Castro, conservadores e progresistas, encantados de coñecerse, compartiron unha romaría popular –nunca mellor dito- en Láncara.
Os dous xigantes xogaron ao domino e fixeron unha queimada. A Fidel ata lle agasallaron cun cabalo que se paseou polo ensanche compostelán. E nese ambiente fraterno a Fraga non se lle ocorreu mellor idea que recomendar a Fidel que liderara unha transición democrática ao estilo español. Fidel que non era unha persoa ao que lle gustaran os consellos deu por rematada a festa.
Dous anos despois, aínda atordados polo rápido que se desenvolvían os acontecementos, publiquei un dos meus primeiros artigos. Pasaron vinte oito anos pero algunhas das cousas alí escritas creo que serven para entender a encrucillada na que hoxe esta aínda a Illa. Dicía daquela:
“A caída do muro de Berlín non só daba por rematada a guerra fría senón que pechaba unha primeira etapa do socialismo a nivel mundial que se caracterizou polo seu estatalismo, a súa excesiva centralización e unha concepción totalitaria froito da escasa cultura democrática existente nos primeiros países socialistas que a calor da estratexia de bloques foi adquirindo grados cada vez maiores de militarismo.
A inexistencia dun proceso lineal da historia nos debe axudar a entender esta volta do socialismo ao capitalismo. Das relacións e contradiccións dos distintos centros de poder na Nova Orde haberá que esperar o seu posterior desenvolvemento que axuden a ter unha visión máis clara das tendencias que se apuntan. O importante, agora‚ é responder as interrogantes que nos axuden a sacar conclusións positivas para o propio futuro da esquerda. Interrogantes como si era posible ou non a renovación do modelo socialista da etapa anterior? ou se a saída desta etapa podía ser outra que á que remata nun fracaso tan estrepitoso?, son importantes agora que parece entramos no segundo acto desta derrota, a que afecta ós países socialistas periféricos.
Quizás teñan razón aqueles autores que opinan que a última oportunidade de renovación deste socialismo foi na década dos cincuenta, que con Nikita Kruchev ao fronte do estado soviético trazou un programa de reformas, que fracasou ante falla de profundidade e a improvisación no que se desenvolveu. A posterior etapa do 'estancamento burocrático', a súa dobre moral e a disociación permanente entre os ditos e os feitos, acabaron co que o terror staliniano non fora capaz: o pulo subxectivo dun pobo que pese a todo apoiaba o proxecto revolucionario.
Na década dos oitenta a ‘Perestroika' volvía a reabrir o debate da renovación e facía renacer, aínda que fora por pouco tempo, a esperanza da esquerda.
Pronto aparecerían no seo dos partidos e gobernantes comunistas dúas estratexias diferenciadas. Fronte a proposta radical da Perestroika -revolución na revolución- empezaron a ouvirse voces que cuestionaban o lonxe que ía a mesma e 'advertían da necesidade de cambios máis prudentes, suaves e calculados'.
As diferencias foron tendo concrecións:
- Desmantelamento do sistema totalitario que dera paso a un proceso democrático que rematara cun ‘estado socialista de dereito', fronte, ao afondamento nas 'normas democráticas do socialismo';
- separación total do Partido e do Estado pasando do dirixismo vertical á conquista da hexemonía na sociedade civil, abrindo a vía do pluripartidismo real, fronte, ao 'perfeccionamento dos mecanismos do Partido e do Estado';
- creación, polo tanto, de canles autónomos de poder de expresión -Glásnost- sen os caes a verdadeira participación seria imposible, fronte, a unha maior apertura vixiada nos medios de comunicación oficiais;
- descentralización e desestatalización económica como medio de instaurar unha economía con distintas formas de propiedade social, fronte, á permisividade de iniciativas privadas sen modificar a ríxida estrutura central;
- renovación cultural e de pensamento imposible sen desfacer calquera ollada de ideoloxicismo ou doutrina oficial, fronte, a necesidade de maior afondamento nos 'valores do socialismo'.
A pesar do que puidera parecer nun primeiro momento, onde todos os partidos comunistas e administracións de países socialistas falaban da necesidade de reformas, tratábanse de dúas concepcións totalmente opostas e irreconciliables na medida en que unha procuraba cambiar de modelo namentres que a outra apostaba polo seu perfeccionamento.
O fracaso do proceso aberto pola Perestroika, lonxe de dar a razón aos seus detractores, puxo sobre o tapete os elementos dunha crise sen precedentes que levou por diante a aqueles países que se crían máis remotas das súas formulacións - Romanía e Albania -. O único que se demostra do fracaso da Perestroika era o grado de decadencia dun sistema que imposibilitaba calquera renovación profunda. Así, a batalla política nos países socialistas europeos foi pasando dunha primeira fase entre un socialismo totalitario e un socialismo democrático, a unha segunda onde a batalla xa era entre os renovadores do socialismo e os partidarios do capitalismo.
Namentres todo isto se producía en Centro Europa nos países socialistas da periferia se era alleo a unha situación que a pesar de deteriorarse crían poder esquivar. A realidade era ben outra, a crise estaba nun primeiro acto que tiña o seu escenario principal na Europa do Leste, principalmente na URSS. Algún pensou nun drama nun só acto cando, en realidade, estabamos ante unha peza tráxico cómica en dous actos.
As autoridades cubanas non podían ser alleas a este erro.
Cuba era, aparentemente, allea a moitos dos problemas que se formulaban nos países do centro e do leste de Europa pero esto non era de todo certo; ao fin e ao cabo un proceso xenuíno -que incluso no seu momento fora unha herexía no movemento comunista- foise, obrigado pola situación hostil, a un hibrido contaminado en todos e cada un dos seus mecanismos do aparato económico, da administración política e do partido por elementos provinte do modelo soviético.
O propio bloqueo norteamericano obrigou a necesidade da subvención soviética e con iso, a ampliación da súa influencia política e cultural sobre a illa.
Dous anos antes da propia Perestroika o goberno da Habana puxo en marcha un amplo proxecto de reformas que co nome de ‘rectificación' trataba de mellorar aqueles aspectos deficientes no funcionamento do sistema, o cal de por si non era novidoso, pero tamén, e aquí esta o verdadeiramente importante, trataba de modificar elementos que froito da copia do modelo soviético estaban xerando problemas. Non é casual que este plan de reformas se fixera tomando como bandeira a recuperación do legado político do Che.
Nunca poderemos saber o alcance desta reforma de terse podido desenvolver en condicións óptimas e baixo o ‘paraugas' do aínda existente bloque socialista. A crise do leste europeo se precipitou, o plan de reformas empezou a perder forza e comezou a pesar máis a idea da prioridade dos cambios económicos sobre os políticos e a corrección de problemas que xurdían no mecanismo do sistema en lugar de substituílos.
Nos discursos que Fidel pronuncia ao longo do ano noventa, dous anos antes do desmantelamento da Unión Soviética, hai unha idea central que nos amosa isto. Fidel pon en alerta ao pobo de Cuba diante dun posible desastre na Unión Soviética e máis ala diante da posible desaparición do campo socialista; para chegar incluso a mostrar a situación dunha posible orde mundial coa existencia de Cuba como único país socialista resistente. Esta idea de resistencialismo voluntarista foi dominando todo o pensamento da dirección cubana, dando novos pulos aos sectores máis dogmáticos do réxime que deron por finalizada a política, timorata pero interesante, da 'rectificación', perdéndose uns anos valiosos para que Cuba se (re)situara nun novo contexto internacional totalmente diferente ao vivido ata ese momento.
Cuba entrou nunha especie de ‘vía china' de reformas que consistía en liberalizar a economía pero deixando intacta a estrutura de poder político. Os dirixentes cubanos non foron quen de calcular a diferencia de recursos propios e axudas estranxeiras entre eles e o réxime de Pequín. As reformas políticas quedaban para tempos mellores.
Os cambios económicos foron intensificándose e tiveron o seu máximo expoñente na entrada de capital estranxeiro na maior industria cubana -o turismo-, e na liberalización da circulación do dólar (medidas que pola historia última de Cuba están cargadas dun importante simbolismo).
A partir de aquí a situación social non só se deterioraba polo bloqueo senón que ía bipolarizándose en función das novas medidas. As diferencias sociais na illa ían agudizándose e o que é peor, o apoio da poboación ao sistema ía diminuíndo diante a dobre realidade entre o ‘período especial' que sufrían os habitantes normais da illa e os circuítos turísticos aos que accedían con facilidade a calquera produto de ‘marca' non só visitantes estranxeiros senón elites privilexiadas e burócratas da administración e do partido.
Así, a intensificación destas medidas económicas, supostamente dirixidas para conseguir divisas con que romper o bloqueo, se convertían nun novo problema:
- Abríase un proceso de privatización no sector turístico, única industria estratéxica en Cuba, quedando en mans de capital estranxeiro;
- pechábase toda posibilidade de forte inversión a corto-medio alcance nos sectores produtivos e máis necesarios nun proxecto de soberanía nacional;
- liquidábanse, neste sector, conquistas sociais e laborais existentes como o dereito a folga ou a existencia de representantes das traballadoras e dos traballadores;
- xerábase unha sociedade dual cara ao interior, entre os propios cubanos, e cara afora, entre cubanos e estranxeiros;
- renacían, pola degradación da situación, situacións sociais 'propias do capitalismo' abríndose a fenda da desigualdade social;
- as divisas non se empregaban para a compra de necesidades primarias ou industriais senón que ían dirixidas, nunha porcentaxe importante, a reabastecer de produtos estranxeiros nas tendas de dólares.
A sociedade cubana, que nun primeiro momento apoiou as medidas como única saída, ía perdendo a esperanza a medida que a situación en lugar de mellorar empeoraba, a pesar das promesas voluntaristas dos seus dirixentes que situaban os tres primeiros anos do período especial (89/92) como os peores, e polo contrario volvía a renacer a sociedade dual cubana desterrada xunto con Batista.
No ano 89 a calor do proceso contra o alto mando militar desprazado en Angola empezaron a ouvirse con forza voces dentro do PCC da necesidade de situar os cambios na esfera política. Foi Roberto Robaina, capaz de imprimir un novo estilo a UJC, o primeiro en advertir da necesidade de cambio estruturais e aproveitar o xuízo contra Ochoa para situar que 'algo fallaba politicamente cando estes casos de corrupción se daban na esfera da cúpula do poder'.
Empezaba unha loita soterrada dentro da propia estructura de poder entre os sectores inmobilistas que escondéndose tras un ideoloxicismo oco, e utilizando a pantasma do inimigo exterior, reforzaba os seus privilexios e preparábase o mesmo futuro que os seus colegas da antiga Unión Soviética e países do leste europeo reconvertidos en xestores actuais do novo rumbo capitalista, e os sectores politicamente progresistas que pretenden ir ao fondo dos problemas para acadar unha Cuba democrática e de progreso nun mundo diferente e cambiante.
Nesta batalla o bloqueo norteamericano non fai máis que favorecer aos sectores duros do exilio de Florida e aos sectores máis inmobilistas do réxime cubano.
Namentres, a administración norteamericana espera sen presa. Son moitos anos agardando o desquite que restableza o honor perdido. A actual crise dos balseiros, non nos enganemos, non fai mais que mostrar o grado de desilusión no que se atopa unha parte importante do pobo cubano. Os sectores duros de Miami soñan cunha volta ao seu paraíso e algúns dos actuais dirixentes da administración cubana van situándose en posicións de saída que lle permitan xogar un importante papel económico e político nunha hipotética nova situación.
Os sectores democráticos e progresistas deben forzar un proceso de cambios que permitan entrar no século XXI cunha Cuba soberana, democrática e social. É fundamental acabar co bloqueo económico que só favorece as forzas conservadoras. Nese senso, o encontro de 'A nación e a Emigración' organizado por Roberto Robaina na Habana debe ter continuación. Esperemos que así o entendan as dúas partes do cumio cubano norteamericano que se inicia estes días en New York. Clinton debe romper coa tradición dos últimos presidentes norteamericanos que no tema cubano se mostraron igual de intransixentes xa foran demócratas ou republicanos. Seria bo, para elo, que empezase por retirar como asesores da Casa Branca a políticos revanchistas e a sectores extremistas do exilio cubano.
A esquerda non debe volver a cometer o erro de situarse sobre a interrogante de si 'son posibles ou non os cambios?' na perspectiva 'do menos malo'; senón si 'son necesarios ou non?'.
Fidel Castro debe saber que só os cambios aseguran o futuro dos proxectos e apostar decididamente pola saída apuntada desde fai tempo por Roberto Robaina.”
A situación, desde aquela, seguiu degradándose económica, social e politicamente. Roberto Robaina 'caeu en desgraza' e con el unha nova xeración de comunistas dispostos a iniciar un proceso democrático. As autoridades cubanas desaproveitaron as oportunidades que a gobernanza de Barack Obama supuxo para Cuba, Unha nova xeración de cubanos creceu neste período pensando, xa non como as anteriores en marchar ao norte senón, en construír unha nova Cuba.
Unha voz tan pouco sospeitosa de contrarrevolucionario como Silvio Rodríguez apuntaba recentemente a necesidade de dialogar cos sectores novos descontentos para procurar unha saída a demandas que teñen razóns.
En historia convén diferenciar ditadura de tiranía. Nas dúas están limitadas as liberdades dos individuos e non hai canles para a pluralidade existente en termos de que a maioría goberna e a minoría non ve limitados os seus dereitos políticos. A diferencia, relacionada co grado de aceptación social de ambas, esta na arbitrariedade do ditador ou da oligarquía que goberna que se da nas tiranías fronte a existencia de normas, anque inxustas, que permiten saber sobre que regras de xogo se move o cidadán, nas ditaduras.
Coñecemos momentos históricos en que algunhas ditaduras xogaron un papel modernizador e mesmo aseguraron un certo progreso social, Cuba é un bo exemplo diso durante décadas. Pero cando a ditadura perde apoios sociais e o réxime se degrada so existen dúas saídas - ou da un paso cara a democracia de forma consensuada, ou simplemente remata nunha tiranía asfixiante e caprichosa, que polo xeral acaba en confrontación social violenta -.
Os sectores reformistas do réxime e as forzas da oposición interna deben procurar un dialogo que conduza a un gran acordo nacional que permita unha saída democrática e xusta para Cuba. De non ser así e, diante á dubida, sempre é mellor apostar pola vida.