No poboado do Vao viven persoas

  • imprimir
Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

Xitanos

 

Xoán Hermida

Cal un virus estacional se tratara cada certo tempo reaparece o poboado chabolista do Vao coma noticia nas nosas vidas, normalmente ligado a un problema de trapicheo de drogas a pequena escala.

Durante uns días as noticias sobre o poboado xitano ocupa as portadas dos medios locais e coa mesma rapidez desaparece ata nova sinal de ‘alarma’.

Pero a vida para as persoas que habitan o Vao nunhas condicións infrahumanas persiste no seu día a día sen que ao resto dos habitantes dos concellos limítrofes de Pontevedra e Poio nos preocupe o máis mínimo.

Alguén se recorda que hai cinco anos se montou un circo mediatico e social polo realoxo de cinco familias?; alguén volveu ter noticias dos famosos poboados de transición cos que vicepresidencia da Xunta de Galicia intentou acalar as protestas sociais?; alguén sabe onde habitan as cinco perigosas familias realoxadas en Monteporreiro e Caritel e que ían converterse no perigo numero 1 de delincuencia organizada da cornisa atlántica? O feito é que ninguén recorda aqueles acontecementos e menos aínda lle preocupa o que foi das súas vidas.

Díxose que se trataba dun problema de convivencia relacionado coas drogas e non un problema de racismo ou xenofobia. Tamén se dixo que as familias, incluídos menores de idade, eran un perigo para a seguridade cidadá pola súa tendencia ‘xenética’ a delinquir.

Pode ser que así fora, aínda que posteriormente vendo a cantidade de delincuentes de respectadas familias nas institucións máis altas do estado ou nas empresas ou caixas de aforro compre, cando menos, ter unha opinión mellorada dese tipo de delincuencia.

Non nos enganemos, os acontecementos do Vao tiveron unha carga, consciente ou subconsciente, de racismo e xenofobia incrementada pola actitude irresponsable das elites locais que se puxeron ao fronte das protestas, en lugar de amainar os ánimos, e dunha actuación chapuceira e escurantista dunhas administracións locais incapaces de buscar solución ao problema de cinco familias namentres que no norte do país, en Penamoa, se realoxaban decenas de persoas sen maiores problemas que os derivados dunha actuación complexa.

Compre observar a hipocrisía dos mesmos medios e persoas que agora fan campaña a favor dun indulto de xustiza para David Reboredo e insultan cada vez que un xitano aparece ligado a un problema de drogas.

Especialmente vergoñento é ese novísimo racismo local que invade as axendas dos nosos rexedores municipais. Agora xa non se trata da defensa do ‘nacional’ fronte ao estranxeiro senón que, nun paso máis cara a infamia, tratase do ‘empadroado’ fronte ao do concello de enfronte. Así, temos programas de axuda para os ‘nosos’ ou convenios que se asinan para realoxar a familias do ‘municipio’ en risco de exclusión de onde antes se expulsaron a outras.

Non nos enganemos, o problema non son as drogas. Se así fora a solución, aínda que arriscada, estaría como recentemente declarou con valentía o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, na súa legalización.

Así que o problema do Vao é outro.

Namentres as ‘persoas de ben’ descobren cal, conviría recordar que no poboado chabolista viven persoas humanas e non sub-humanas, naquela retorcida categoría ideada polos nazis de "menschen" e "untermenschen", e polo tanto cidadáns con obrigas pero tamén con dereitos.

 

Tamén o podes ler en Pontevedra Viva http://pontevedraviva.com/opinion/340/pontevedra-poboado-vao-xitanos-hermida-opinion-droga/